OurenseÚltima hora

Os ourensáns Carlos Sampayo e José Franco completan con éxito o Rallye Ribeira Sacra

Carlos Sampayo e José Franco

 

A parella ourensá formada por Carlos Sampayo e José Franco completaron con éxito a súa participación no Rally Ribeira Sacra, sexta proba puntuable para un Campionato Galego que reuniu a nada menos que 110 rexistrados na liña de saída situada no corazón de Luintra.

Unha fin de semana emotiva e especial, non só polas homenaxes a Roberto Soto, senón tamén polo retorno da cita ourensá ao calendario autonómico tras un ano marcado polas restricións e dificultades pola pandemia do coronavirus. Consciente diso, o Aukor Racing Team non quixo perderse a proba de casa e mentres terminan de poñer a punto o Renault 11 Turbo co que seguirán competindo en probas europeas, decidiu alugar para a ocasión un Peugeot 208 Rally4 ao equipo Coca Rent. A experiencia xunto ao debutante José Franco, máis que positiva.

Sampayo foi adaptándose co paso dos quilómetros a un vehículo que apenas probara nun pequeno test no circuíto Choqueiro e mellorando os seus tempos durante a xornada, completando a cita na posición 47 da xeral, a pesar dunha penalización de 1:40 minutos que lles fixo perder algúns postos debido a un pequeno problema co embrague que se solucionou sen maiores problemas na asistencia.

Así e todo o balance é máis que positivo, nunha cita marcada como aprendizaxe e descubrimento dun tipo de vehículo que o ourensán non pilotara ata o momento.

Artigos relacionados

Back to top button