OurenseÚltima hora

Os ourensáns Iván Feijóo e Carlos Canal, entre os participantes na marcha cicloturista pola Ribeira Sacra

A proba organizada polo Inorde, que transcorreu polos municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, reuniu a 335 ciclistas

 

A primeira marcha cicloturista A Ribeira Sacra Cycling Road que organiza o Inorde, co apoio da Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, vén de demostrar que esta contorna ourensá é o lugar idóneo para acoller eventos de cicloturismo mesturando a beleza paisaxística e natural da zona coa dureza do territorio.

A xerente do Inorde, Emma González, acompañada por autoridades locais e autonómicas, foi a encargada de entregar unha placa conmemorativa, á saída da proba en Luintra, ao campión do mundo no ano 1995 e tamén gañador de La Vuelta, Abraham Olano, padriño desta primeira edición da marcha cicloturista. Un evento que contribuíu a divulgar e a promocionar unha das zonas emblemáticas da nosa provincia como é a Ribeira Sacra, amosando a través do deporte a riqueza natural, paisaxística e patrimonial que ofrece este territorio.

 

Abraham Olano, padriño da proba, co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

 

A proba, que transcorreu polos municipios de Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira, reuniu a 335 participantes dos que preto do 40% procedían de fóra de Galicia (Madrid, León, Asturias, País Vasco…). Da provincia particiban deportistas profesionais como Iván Feijóo ou Carlos Canal, o único profesional galego presente en La Vuelta 2021 e que non quixo perderse esta cita na Ribeira Sacra.

Os deportistas puideron participar nun dos tres posibles percorridos ofrecidos: gran fondo de 115 quilómetros e +2700 metros de desnivel; medio fondo de 100 quilómetros e +2200 metros de desnivel; e o mini fondo de 65 quilómetros e +1400 metros de desnivel. A Ribeira Sacra Cycling Road contou cun tramo cronometrado con circulación libre que incluía a última subida, con ramplas do 24%, cun premio especial para os tres primeiros de dito tramo.

A proba, de carácter non competitivo, finalizou coa seguinte clasificación: o primeiro posto do mini fondo foi para José Antonio Figueiras; Anxo Cid do Club CC Antelano logrou o primeiro posto do medio fondo; e David Mayo do Club Ciclista León foi o gañador do gran fondo e do tramo cronometrado.

Artigos relacionados

Back to top button