OurenseÚltima hora

Os ourensáns TanDub, na final do Premio Narf de música

terá lugar no seo dunha gala no Teatro Colón da Coruña o este domingo 21 de novembro ás 19.30h, que será retransmitida en directo a través da canle de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña

TanDub./ Foto cedida.

 

A final do Concurso Fran Pérez “Narf” para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar este domingo 21 de novembro no Teatro Colón da Coruña ás 19.30 horas nun espectáculo aberto ao público que tamén será retransmitido en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña. Nel participarán as cinco bandas finalistas: Peña, Tandub, Sleepy Spice, Elba e Secho, ademais de Grande Amore, o grupo convidado, nun acto que estará conducido pola xornalista Nieves Rodríguez.

O Concurso Fran Pérez “Narf” de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf”. Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros.

O xurado que elixiu os finalistas e escollerá os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, como presidente; ademais da cantora Uxía, os xornalistas Carlos Crespo, María Yáñez e Teresa Cuíñas, e o crítico musical Pepe Cunha. A banda gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Teatro Colón da Coruña o sábado 21 de novembro e que se emitirá tamén a través de ‘streaming’.

Xornada formativa

Dentro das actividades paralelas do Premio, o 20 de novembro terá lugar na sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña unha Xornada Formativa para grupos e artistas musicais que incluirá as seguintes conferencias:

* Marisa Moya: “Claves para conseguir unha carreira artística de longo percorrido”. Directora de Emerge Producciones, é manager de León Benavente, Sidonie e Marwan, entre outros.
* Lucía Martínez: ”A comunicación: Conceptos e ferramentas básicas (I): identidade dixital e redes sociais”. Responsable de redes sociais en The Office Comunicación, axencia especializada en
comunicación cultural.
* Lucía Pita: ”A comunicación. Conceptos e ferramentas básicas (II): a relación cos medios de comunicación”. Prensa de The Office
Comunicación: Festival Noroeste, Festival Sinsal ou SonRías Baixas; e bandas como Tanxugueiras, Sés ou Luar Na Lubre.
* Xabier Alonso: “Coida os teus dereitos de autor no mundo dixital”. Avogado especializado en propiedade intelectual e dereito da cultura e o
espectáculo.

Tamén se poderá ver a través de streaming desde o canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña.

As bandas finalistas

PEÑA veñen de publicar o seu primeiro longa duración titulado ‘Carreiro’, logo do EP ‘Fórmula’. A banda formada por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) foi quen de fiar un corpo de cancións exquisito, que casa sinxeleza con idiosincrasia e valentía formal.

TANDUB é a fusión da música tradicional Gnawa (norte de Marrocos, Tánxer) con outros xéneros como o reggae, o drum&bass e a electrónica, cun potente directo. Acadan un son vibrante, intenso e sólido empregando instrumentos clásicos nas bandas de fusión (guitarra, baixo ou percusión) coas novas tecnoloxías (electrónica), co hajhouh e as karkabas (instrumento tradicional marroquino). Os seus compoñentes proceden de bandas como Lamatumbá, Dar Gnawa, Tabú ou Kondiós.

SLEEPY SPICE é unha artista de música urbana en galego e castelán que compón, grava e mestura os seus temas nun móbil. O que comezou como un proxecto de autoaprendizaxe de produción musical e beatmaking foise convertendo pouco a pouco nun proxecto musical e artístico sólido, con varios singles publicados, como “Yo me dejo” (2020) e “Outro lado” (2020).

ELBA comeza na música xa na infancia, formando parte do coro infantil do Orfeón Terra a Nosa e posteriormente no coro de voces brancas da orquestra sinfónica do CMUS de Santiago. Con 18 anos funda Ivy Moon e participa en diversos festivais. No seu proxecto actual mestura diferentes estilos como synth pop, new wave ou post-punk con elementos tan clásicos como o canto lírico, e mesmo reinterpreta nos seus concertos en vivo obras puramente líricas con instrumentos cargados de sintetizadores.

SECHO escribía cancións cancións para si mesmo desde os albores deste século ata que en 2009 a banda Medomedá o convida a abrir un dos seus concertos en Compostela. Nese verán rexistra en Pouland Studios o seu primeiro EP, que sae co nome de “Secho y los Invisibles”. Despois de varias formacións e concertos por todo o país, publica en 2016 ‘Xa fai un tempo’ (Discos da Máquina). E agora regresa en 2021 con ‘Recuperar’, o seu terceiro traballo gravado con Iago Pico e rodeado de músicos como Dani Riveiro, Lois Carlín e Tomás Porteiro, ademais doutras colaboracións. Outro feixe de cancións que van do folk americano ao pop intimista adubiado polas montañas do Barbanza.

Artigos relacionados

Back to top button