SanidadeÚltima hora

“Os pacientes oncolóxicos son un grupo de especial risco por iso é importante acudir a vacinarse”

O doutor valdeorrés Jesús García Mata, xefe de Oncoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco;destaca a relevancia de que estes pacientes acudan á chamada para recibir a vacina contra o Covid

O doutor Jesús García Mata, xefe de Oncoloxía da área sanitaria ourensá.

 

Neste mércores 14 de abril iniciábase na Área Sanitaria de Ourense, Verín, O Barco a vacinación dos pacientes oncolóxicos, que continuará tamén mañá día 15 coa vacina de Moderna. “Estase a proceder a vacinar aos pacientes oncolóxicos que están en tratamento activo. É importante acudir á chamada para estar no lugar á hora indicada para vacinarse, non podemos esquecer que os pacientes oncolóxicos son un grupo de especial risco pola enfermidade que padecen, e ademais aqueles que están en tratamento activo, moitos con quimioterapia: teñen máis posibilidades de ter baixada do sistema inmunitario e, polo tanto, máis risco de padecer a enfermidade ou de ter máis complicacións co coronavirus”, asegura o doutor valdeorrés Jesús García Mata, xefe de servizo Oncoloxía da área sanitaria ourensá.

Ademais este oncólogo transmite unha mensaxe de tranquilidade e indica que “por fin chegou o día que esperabamos. Tamén quero dicirlles aos nosos pacientes que estamos en todo momento coordinados, tanto co Sergas como coa xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, polo tanto, é un sistema totalmente organizado”.

O doutor García Mato tamén expresa a súa “a noraboa ás autoridades sanitarias porque realmente téñeno organizado en tempo récord e, simplemente como mensaxe fina, hai que vir a vacinarse cando nos chamen por teléfono porque o máis importante agora é avanzar no proceso de vacinación para poder acabar coa pandemia”.

Artigos relacionados

Back to top button