SanidadeÚltima hora

Os pacientes recuperados do Covid-19 dispoñen dunha consulta específica no Hospital de Ourense

A citación realizarase directamente desde os servizo, atendendo tamén a aqueles pacientes derivados tras a valoración dos seus médicos de familia, segundo Sanidade

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os pacientes que padeceron Covid-19, especialmente tras a súa alta hospitalaria, pero tamén aqueles que non precisaron ingreso e sufriron complicacións, dispoñen xa dunha consulta esprecífica no Hospital Universitario de Ourense, atendida polo Servizo de Medicina Interna e a súa Unidade de Enfermidades Infecciosas, situada no Santa María Nai.

O obxectivo desta nova consulta é ofrecer “unha resposta asistencial integral a estes doentes, cara a súa plena recuperación, facendo un seguemento da súa evolución e instaurando un tratamento precoz ante posibles secuelas. Para elo, aos pacientes realizaránselles estudos respiratorios e nutricionais, xa que moitos presentan deficits deste tipo como consecuencia da doenza, ademais de atender a posibles problemas psicolóxicos”, tal e como indica a Consellería de Sanidade.

Na liña dos equipos de traballo multidisciplinares que atenden aos pacientes de Covid (tanto no seu ingreso como na casa, a seguimento ben polo seu Centro de Saúde; ou polo Equipo de Coordinación Hospitalaria), a Consulta Covid funcionará de xeito coordinado cos Servizos de Pneumoloxía, Endrocrinoloxía, Psiquiatría e Rehabilitación, servindo de referencia para os especialistas de medicina familiar e comunitaria.

Dolores Díaz, médico da Unidade de Enfermidade Infecciosas de Ourense, afirma que, malia que “aínda é pronto para valorar a porcentaxe de pacientes con secuelas, ou a evolución destas, si as están detectando en moitas persoas que sufriron con intensidade a doenza, principalmente, trastornos na función pulmonar, astenia, perda de peso e, nalgúns casos, problemas psicolóxicos”.

Segundo a programación establecida polos membros da Unidade, a doutora Díaz, xunto con Ricardo Fernández e Elvira Gonzalez, o obxectivo “é citar aos pacientes ás catro ou cinco semanas da súa alta hospitalaria ou clínica, cunha previsión de realizar unhas trinta consultas á semana, atendendo a seis pacientes por xornada”, adiantan. A citación realizarase directamente desde os servizo, atendendo tamén a aqueles pacientes derivados tras a valoración dos seus médicos de familia.

Artigos relacionados

Back to top button