OurenseÚltima hora

Os pais da menor desaparecida no CHUO sacárona “porque pensabamos que xa estaba ben”

Os axentes localizaron a toda a familia, formada polos pais e cinco fillos, nunha gasolineira do Piñeiral
A meniña ingresou cun cadro de deshidratación no CHUO. // Foto: Carlos Asensio.

A investigación da meniña de 7 meses desaparecida no CHUO conclúe coa localización onte, 6 de xullo cara ás 13:45 horas, cando os axentes de policía da UPR da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá localizan, nunha gasolineira na zona do Piñeiral (Ourense), un vehículo con matrícula francesa, con sete ocupantes. Os axentes déronse de conta de que era a familia da menor desaparecida no Complexo Ourensán cando identificaron a todos os ocupantes, “todos estaban documentados”, apuntan. A familia estaba composta por cinco fillos, dous deles maiores de idade e tres menores e, entre eles, unha meniña de sete meses. Realizando as comprobacións oportunas, os axentes da UPR determinan que era a nena que fóra sacada irregularmente do CHUO.

Os axentes chamaron posteriormente ao 061 para que “tanto a bebé como a outra irmá de 6 anos foran atendidas” e por iso as trasladaron ao CHUO en compañía da súa nai, quedando ingresadas a día de hoxe.

Tanto o pai como os tres fillos foron trasladados a dependencias policiais para tomarlles declaración. O proxenitor asegurou que viaxaban cara á Ourense para reencontrarse cun familiar e atopar traballo. O pai asegurou que o 2 de xullo, acompañados por un compatriota, levan á súa filla ao hospital porque “choraba moito”, quedando ingresada. Esta versión coincide tamén coas aportadas por ese compatriota, que lles acompañou para facer de tradutor, e pola Pediatra que lles atendeu en Urxencias.

O pai asegurou que, a pesares de non falar nada de español, estaban dispostos a colaborar en todo. Asegurou que sacaron á meniña do hospital “porque pensabamos que a podiamos levar porque xa estaba ben”. Na súa declaración, o proxenitor asegurou que a súa intención era volver a Alemaña pero que non puideron porque “se lles estropeou o coche”, informan fontes policiais. Ao non poderes marchar, durmiron no seu vehículo os últimos dous días.

A investigación

Segundo contan fontes da investigación, o pasado 4 de xullo de 2017 recibiron a chamada na Sala do 091 procedente do Servizo de Urxencias de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense na que informan da desaparición da nena que levaba ingresada dende o 2 de xullo.

Acto seguido, o grupo de UFAM (Unidade de Familia e Muller) faise cargo da investigación mediante entrevistas coa Pediatra que conta que o día do ingreso (2 de xullo) acoden a Urxencias dúas persoas “de orixe romanesa”, explican, “que practicamente non falaban español” coa meniña que presentaba síntomas de deshidratación, polo que quedou ingresada na planta. A Pediatra explicou aos axentes que os proxenitores volven ao día seguinte a visitar á súa filla “cunha persoa, tamén romanesa, que lles facía de tradutor”. A rapaza, din dende a Policía, evolucionaba favorablemente e o 4 de xullo foi cando a botaron en falta na planta de Pediatría.

Segundo fontes da investigación, a Pediatra entregou o informe médico da paciente “no que había un domicilio na cidade” e seguidamente puxeron esta información en coñecemento dos Servizos Sociais.

Os membros da UFAM conseguiron localizar, na mañá do 5 de xullo, á persoa que acompañara aos pais da meniña para facerlles de tradutor. Na súa declaración, este home asegurou que o sábado, 1 de xullo, atópanse no barrio do Couto a unha parella que coñecía cando vivían en Romanía e estes explícanlle que queren levar á súa filla ao médico “porque chora moito”  e este decide trasladalos ao CHUO no seu propio coche. O interrogado contoulle aos axentes que, tras facerlles de tradutor o segundo día, non sabía nada máis. O que si aportou é que o pai da desaparecida realizaba traballos temporais en grandes construcións relacionados coa chapa e, por este motivo, viaxan ao lugar de traballo toda a familia. Os membros da UFAM explicaron que o motivo da viaxe de Alemaña a Ourense foi porque “un parente da parella residía na cidade, pero cando chegaron comprobaron que xa non vivía nesa dirección e non sabían onde residían”.

 

Artigos relacionados

Back to top button