ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Os peregrinos do Bierzo, Valdeorras e Monforte chegan a Compostela

Unhas 300 persoas completaban a última etapa do Camiño de Inverno organizada pola asociación berciana

A peregrinación dende Ponferrada ata Compostela organizada pola Asociación Camino de Invierno a Santiago por el Bierzo, chegou ao seu fin. Entre medias doce etapas, 264 quilómetros por cinco provincias e moitos amigos.

Hai case un ano comezaba esta aventura para poñer en valor e promocionar o Camiño de Inverno, con máis de cen persoas que cada mes completaban unha etapa, compartindo risas e camiño, forxando lazos de amizade e coñecendo as fermosas paraxes polas que atravesa a ruta xacobea. De Ponferrada a Borrenes (1ª etapa de 20 km); de Borrenes a Puente de Domingo Flórez (2ª etapa de 17 km); de Puente de Domingo Flórez a Vilamartín de Valdeorras (3ª etapa de 24 km); de Vilamartín de Valdeorras a Bendilló (4ª etapa de 20 km); de Bendilló a Barxa de Lor (5ª etapa de 23,5 km); de Barxa de Lor a Monforte de Lemos (6ª etapa de 20,5 km); de Monforte de Lemos a Belesar (7ª etapa de 22,5 km); de Chantada a Río (8ª etapa de 23,8 km); de Río a Lalín (9ª etapa de 23 km); de Lalín a Bandeira (10ª etapa de 23 km); de Bandeira a Lestedo (11ª etapa de 21 km); e de Lestedo a Santiago de Compostela (12ª etapa de 14 km).

Esa última etapa realizábana na mañá do 10 de xuño, unhas 300 persoas do Bierzo, Valdeorras, Monforte e Lalín que chegaban á capital galega a tempo para asistir á Misa de Peregrino (12h.). Antes de iniciar a última camiñata da ruta, os participantes quixeron agradecer a iniciativa e o traballo aos organizadores (Saturno, Miguel, David e Roberto), entregándolles a cada un unha placa de lousa e botellas de viño de Valdeorras, como agasallo.

E tralo acto de agradecemento arrancaba a andaina que o presidente da asociación berciana, Sarturno Astandoa, realizaba vestido co tradiconal traxe de peregrino, cumprindo unha preomesa. El coa capa de fieltro marrón e o resto de camiñantes coa camiseta especialmente deseñada para a ocasión (co nome da asociación na parte traseira e os quilómetros e as etapas na dianteira), enchían de cor azul a praza do Obradoiro e todo Santiago.

Fotos: Miguel López.

 

Artigos relacionados

Back to top button