CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“Os petróglifos aportan máis información da que parece a simple vista”

Bruno Rúa presentaba o seu último libro Petróglifos do Alto Támega na Casa da Cultura de Verín

Hainos con múltiples formas. Circulares, espirais, en ferradura… Pero todos eles levan séculos, milleiros de anos gravados na pedra. Os petróglifos son unha das primeiras expresións humanas e sobre eles pon a súa mirada o investigador Bruno Rúa Martínez no seu último libro, Petróglifos do Alto Támega. Corpus Petroglyphorum Tamaconoroum. Presentábao na Casa da Cultura de Verín na tarde do 22 de decembro nun acto que contaba coa presenza do alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e da concelleira de Cultura, Emilia Somoza.

“A pedra é eterna, o que se grava nela pretende chegar á eternidade”, destacaba o autor. Neste libro fai un percorrido polos diferentes gravados rupestres que poden verse sobre as rochas desta zona ourensá que limita con Portugal. Repasábao visualmente cunha proxección durante a presentación, amosando imaxes e debuxos dos gravados. “Estes petróglifos aportan máis información da que nos ofrecen a simple vista, é o noso deber protexelos”, sinalaba Rúa, resaltando a riqueza neste tipo de patrimonio que existe na zona do Alto Támega.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Para Rúa este traballo específico sobre os petróglifos “non é só un libro para estar na casa, senón que é tamén para saír ao monte” e desfrutar dese legado “dos nosos devanceiros”.

Artigos relacionados

Back to top button