En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os “pinchadiscos” abren as Festas de Verán da Rúa

Hoxe tócalle o turno a Clon Bois e Dr. Queen que actuarán a partir das 22:45h. na rúa Doutor Vila

Especialmente pensado para os máis nostálxicos, pero tamén para xente de diferentes xeracións, está o Encontro de Pinchadiscos que cada ano dende hai nove, abre as Festas de Verán da Rúa. Este non foi unha excepción e fieis á cita, na noite do xoves 1 de agosto, os djs que pinchaban nas discotecas e locais de copas nos anos 70 e 80, reuníanse na rúa Doutor Vila. Na mesa de mesturas, afeccionados como Solarat, Loncho ou Susy (botouse de menos a Moncho “Ragar”), facían bailar aos asistentes ao ritmo de clásicos do rock como AC/DC, Queen ou os mesmísimos Rolling Stones.

A Rúa encetaba así o programa das festas que se estenderán ata o vindeiro luns, 5 de agosto (festivo local). Hoxe é o turno dos concertos rockeiros. En primeiro lugar, en torno ás 22:45h. actuará na rúa Doutor Vila o grupo Clon Bois que presenta un repertorio con versións de rock internacional reforzadas coa personalidade e a forza que os caracterizan. Despois tocaralle o turno a Dr. Queen, banda arxentina que chega á Rúa dentro da súa xira mundial  Bohemian World Tour 2018/2019.

Unhas horas antes, en torno ás 21h. celebrarase a VI Milla Urbana Nocturna. Estaba previsto que se disputara na rúa Miguel de Cervantes pero tal como avanzan dende o Concello, finalmente será na Silveira.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button