SanidadeÚltima hora

Os plans de saúde local de Xinzo e Castro Caldelas, entre os 14 primeiros asinados en Galicia

Ao longo deste 2022, aprobaranse outros 28 ata acadar un total de 42 (cunha previsión de seis por área sanitaria)

 

Esta tarde procedíase á sinatura dos catorce primeiros plans de saúde local (os de Elviña, Os Mallos, Santa Comba, Teo, A Estrada, As Pontes, Caranza, Vilalba, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Cambados, Virxe Peregrina, Sárdoma e Lavadores), cos que Galicia,  “está a marcar o camiño da transformación da atención primaria en España”, en palabras do conselleiro de Sanidade, Julio García, “a nosa comunidade sitúase, de novo, nunha posición pioneira e de referencia para outras comunidades, ao seren estes plans “unha panca de cambio para todo o sistema galego de saúde”. Neste punto, avanzou que, ao longo deste 2022, aprobaranse outros 28 ata acadar un total de 42 (cunha previsión de seis por área sanitaria).

Un plan de saúde local é un documento estratéxico e de xestión “vivo, aberto e participativo”, que se presenta como a mellor “radiografía da saúde” da poboación de referencia e a mellor guía para planificar toda acción que poida mellorar a calidade de vida do paciente.

Así, García Comesaña remarcou que “estes plans marcan a diferenza con calquera outro plan previo en que teñen perfectamente identificadas as necesidades e perfectamente definidas as solucións” a adoptar nos vindeiros catro anos en cada servizo de atención primaria: “Son catorce plans diferentes para catorce realidades diferentes”. Para o conselleiro de Sanidade, a singularidade radica, ademais, en que foron ideados e elaborados polos propios profesionais de cada centro, os que máis e mellor coñecen as demandas de atención de pacientes e do seu servizo de atención primaria.

Asemade, neles recóllese un compendio de accións e medidas concretas co fin de acadar uns obxectivos adaptados á realidade de cada servizo de atención primaria. Neste punto, avanzou que a consellería de Sanidade, en función do nivel de cumprimento dos obxectivos fixados, recoñecerá, cada ano, o mellor servizo de atención primaria de Galicia.

García Comesaña destacou o traballo, a dedicación e a responsabilidade de todos os actores implicación na elaboración de cada un destes plans; fundamentalmente, dos profesionais sanitarios dos servizos de atención primaria, xa que todo este labor coincidiu cos peores momentos da pandemia.

Un traballo, tal e como incidiu, de gran valor, xa que o ser este nivel asistencial o máis achegado ao cidadán permite coñecer mellor a súas demandas e adaptar o servizo ás súas necesidades sanitarias.

“Ferramentes específicas e individualizadas”

Ao abeiro do documento “Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde”, os plans de saúde local “son ferramentas específicas e individualizadas coas que dotar dunha maior capacidade de autoxestión aos centros, impulsar a figura dos xefes e coordinadores dos servizos e posibilitar a xestión a nivel local os recursos humanos, entre outros”, tal e como indica Sanidade.

Todos comparten en común uns principios básicos que “afondan nunha atención integral e integradora, centrada na persoa; que potencia a visión familiar e comunitaria, que garante a accesibilidade, continuidade e coordinación nos coidados, que estea baseada na promoción, prevención e proactividade, que permita novas asignacións entre os profesionais e que asegure un liderado compartido”, tal e como avanza a consellería.

Artigos relacionados

Back to top button