ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

Os poemas mexicanos de Florencio Delgado Gurriarán

Artigo escrito por Emilio Vega Rodríguez

Mural dedicado a Florencio Delgado Gurriarán en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a súa aldea natal./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A segunda parte de Galicia Infinda ( Editorial Galaxia, 1963) anotados como Poemas Mexicanos, significa un acercamento de Florencio Delgado á cultura indixenista mexicana. Aínda que Carvalho Calero os califica de “case bilingües”, concertamos coa idea de Mª Xoseé Lamas en “…sinalando co uso das verbas mexicanas son escasas e mais indicativas dunha xeografía ou natureza que de uso propio…”, cousa doada de comprobar cunha lectura rápida. Mais pensamos que Calero acerta ao dicir “…non allea á poesía nacionalmexicana nun intre do seu desenvolvimento…”.

O certo é que Florencio Delgado intervén con estes poemas no debate mexicano entre a cultura hispano-occidental, da cal participan maioritaramente os españois exiliados (o filósofo español José Gaos fala de “transterrados” e non de exiliados e afirma “…transplantar las raíces españolas a tierra mexicana…”) , é a cultura propia mexicana, que tal como ten sinalado Octavio Paz non estaba resolto “ cerrados frente al pasado…condenamos nuestro origen y renegamos de nuestro hibridismo…que aun mo hemos resuelto”. Esta participación poética non é unha asimilación colonial, senón a inserción natural da propia cultura galega na mexicana, anunciada no pórtico de Galicia Infinda ( “ toda a terra é galega”): un defensor a ultranza da lingua galega, da Galiza asoballada pola cultura hispano-occidental, non podía menos que identificarse e sumersirxe na cultura autóctona mexicana. Sen necesidade de abandonar a terra natal, as raíces profundas dun mesmo.

Impregnado desa cultura e sociedade, os poemas resaltan polo rechamante colorismo caribeño, cores claras e diáfanas, versos libres, sen mesturas, burbullantes. Na visión volátil e intuitiva, as lembranza das Patria galega son unha identificación coa nova patria mexicana. Morelia: “…Morelia silenzosa/ é loira Compostela/ esquencida de choivas”

Os seus versos rezuman unha sexualidade e erotismo profundo, sen artiluxios complementarios, directos e abertos , exuberantes. O poeta ábrese ao recoñecemento da paixón poética, lonxe do pacatismo occidental. Así a intencionalidade de Nouturnio da noiva Jarocha vai máis aló do son veracruzano, cunha intencionalidade sexual, “ na moura noite de anceio”, ou dun xeito máis de diáfano en Rumba “… preta de arrecendo bravo/ tremen as túas conxas, élitros/ que chaman o mouro macho”, ou “… brindas o froito do sexo/dos teus cadrís na bandeixa/ femia…”. Onde debido “os laídos de huapango…a ¨prietita´e o mozo/houberon de casar”, Conto sinxelo.

A musicalide é propia da poesía de Florencio Delgado, bo músico e cantor el mesmo. Mais nestes poemas cambia o ritmo poético e musical. Xa non soa a gaita ou a pandeireta senón novos instrumentos como unha comparanza saudosa, Conto Sinselo: “…laídos de huapangio/ atruxos de alalá…” ou Xarabe tapatío ( tapatío, natural de Guadalajara, jarabe tapatío, baile tradicional mexicano. Guadalajara, antigo estado de Nueva Galicia, fogar de Florencio Delgado. Algúns poemas editados no “O Soño do Guieiro” van asinados alegoricamente en “Guadalaxara. Nova Galicia”)é unha danza rebuldeira/parenta da muiñeira…”.

A nova musicalidade énchese de ritmos e bailes tropicais, o son, o tapatío, o corrido, o danzón…así como instrumentos maracas, bongós…dos licores agarimosos como o ron, o tequila…e unha natureza exuberante e colorida, chea de mangos, ananás, xacarandá de “ axóuxeres azúes”, agaves de tequila e mezcal ( “agaves de seiva ardente/ nai do tequila. Aguardente/ moi esgrevia liñaxe”…). Natureza, música, bailes e ritmos, sexualidade, cores brillantes… todo isto forma parte do novo Florencio Delgado, desa Galicia Infinda, pero Galicia. Unha nova patria, continuidade da Patria Nai, coa dúbida de por que Florencio Delgado non retornou a Galiza, aínda a lembranza de “sede en min nunca amatada/sede en min xámais dormida/da verde terra arelada/ e das choivas benquerida”, Hai sede en Nova Galicia

Nos oito últimos poemas Florencio fai unha definición de súa vida. As viaxes de traballo polas cidades e estados próximos do México profundo , dá pé a unha autodeclaración da súa inmersión. A identificación coa paixase, Atotonilco lugar de santuario onde como en Compostela”…por mor de salvala ialma/ pra San Xoán os pelengríns…”; Morelia “a loira Compostela”; en Colima “ sin pegureiros, sin neves…”; e xa na Volta “…vai o tren. Cara o meu lar./ tanxendo unha pandeirada/ coa lediza de voltar”. O derradeiro poema da serie, e do libro, plasma a realidade cotiá e prosaica de Florencio Delgado, que como “ un novo Odiseo, a vida paso a xeira/ por mal para cinco bocas de papoula/ Miña dona, Penélope crioula/ fica a tecer…” mais “vou sen inquedanza viaxeira…é, para min, ataxenta ventureira…” pois como dicía Kavafis “…conserva na túa alma a idea de Ítaca”

E realmente non é que Florencio Delgado cambie o seu ideario poético do simbolismo idealista patriótico galego, Florencio só mergulla a súa poesía na sociedade mexicana, poetizando os seus elementos culturais e naturais. Nada máis lonxe dun carácter colonial ou de uso abstracto das palabras, a súa poesía ten a autenticidade dun patriota galego ante a cultura mexicana autóctona. Podemos afirmar a existencia dun fío continuo entre o primeiro libro de Florencio Delgado Bebedeira ( Ediciós do Castro e o Instituto de Estudios Valdeorreses, 1981) e Galicia Infinda, e os seus Poemas Mexicanos que se vai rachando nos derradeiros poemas d’O soño do Guieiro (Ediciós do Castro, 1986).

En todo caso, o idealismo patriótico, os símbolos oa poesía segue a estar alonxada da realidade social mexicana, como estaba da galega. A non intervención política de Florencio Delgado en México formaba parte do convenio tácito entre os exiliados e o Goberno Mexicano ( segundo a Constitución mexicana prohíbese aos estranxeiros “…inmiscuirse en los asuntos políticos del país…”).

Por outra banda, na primeira época tratábase de intentar asentar o nacionalismo galego en México cara ao retorno á Patria, pois, como sinala a historiadora Clara E. Lida, o colectivo de exiliados vivía en México “ sin desfacer as maletas”.

Posteriormente o seu traballo levou a Florencio Delago a un coñecemento profundo de México, do estado de Jalisco. Mais na poesía mexicana de Florencio Delgado non hai asomo do México profundo, do seu traballo, sinalado en O Viaxeiro : “…comercial axente/ a visitar galenos e farmacias…”. Nin sequera en todo o libro Galicia Infinda. Entre o “mozo louro/ neto de Breogán…a…souril ´prieita´”, “ …nas mortas aldeias…e nas queimantes areias…”, por entre os “ ¡tristes brañegos ´jacales´/ acochadiños na serra…” e as “…casupas pequerrechas a gateñar polas abas…” Florencio Delgado non ve os mexicanos. Florencio Delgado Gurriarán sempre ve poesía.

Artigos relacionados

Back to top button