PolíticaÚltima hora

Os populares ourensáns abren a actividade política de 2017 elixindo ao presidente da xunta local de Arnoia

O presidente do PP provincial, Manuel Baltar, dixo que este é o comezo dun “intenso traballo” que ten como obxectivo as municipais de 2019
Membros do PP Ourensán.

Rogelio Martínez González foi reelixido como presidente da xunta local de Arnoia tras recibir o cen por cen dos votos dos compromisarios asistentes ao congreso celebrado esta tarde na capitalidade do municipio. Martínez, cualificou a convocatoria como “o congreso da renovación”. Xa que, segundo cifraron,  o 80 % das persoas que lle acompañarán nesta nova etapa incorpóranse por vez primeira á xunta local de Arnoia. 

Martínez afirmou que esta xunta “terá como obxectivo a máis absoluta colaboración e axuda ao goberno municipal, na procura das mellores condicións de vida para os nosos veciños”. En clave política, o presidente do PP de Arnoia engadiu que a agrupación popular converterase “nun instrumento para renovar e conseguir máis apoios ao Partido Popular nas eleccións municipais, autonómica e estatal”. Un labor, apuntou, “no que contaremos coa máxima participación de todos os afiliados”. 

“O congreso desta tarde ven de marcar o inicio da intensa actividade que o Partido Popular de Ourense vai desenvolver neste ano”, dixo pola súa banda na clausura do congreso o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, lembrando que a formación popular ten “un selo de compromiso coa provincia que se demostra no seu dinamismo aínda fora deprocesos electorais”. O presidente provincial destacou que nas próximas dúas semanas celebraranse cinco congresos locais máis, “cumprindo así co programa e cos obxectivos que nos marcamos, que non son outros que comezar a traballar de novo, logo dun intenso ano electoral, para conseguir nas municipais de 2019 os mellores resultados electorais na provincia”.

Dirixíndose aos compromisarios e afiliados asistentes ao congreso, Manuel Baltar advertiu que os éxitos alcanzados nas eleccións de 2016 só teñen unha orixe, “que está no traballo, na previsión e na planificación que facemos no PP a diferencia do resto de formacións políticas”, destacando que nese labor os populares contan como ninguén “coa implicación de homes e mulleres que queren facer Ourense”.

Artigos relacionados

Back to top button