CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Os premios Mestre Mateo réndense a “O Descoñecido”

O filme do director monfortino Dani de la Torre convertíase nunha das máis premiada na historia da cerimonia e sumaba doce galardóns, mentres que “Lobos sucios” recollía dous

Ata en doce ocasións se escoitaba o nome de “O Descoñecido” no escenario do Pazo da Ópera na Coruña na noite do 23 de abril. Esta película, a ópera prima do monfortino Dani de la Torre, convertíase na gran vencedora da gala dos XIV Premios Mestre Mateo, presentada por Marga Pazos e Xosé A. Touriñán, e na que se lle daba protagonismo ás novas tecnoloxías e se poñía en valor o labor dos profesionais das ocupacións técnicas do audiovisual, que participaban en cada unha das entregas.

Xa na primeira das distincións, a de mellor dirección de fotografía, Dani de la Torre subía ao escenario a recollela en nome de Josu Incháustegui. Adicáballa aos técnicos que interveñen no filme, “sen eles este premio non sería posible”. Minutos despois, tocáballe o turno a Javier Gutiérrez, que acabada o Mestre Mateo á mellor interpretación masculina de reparto en “O Descoñecido”. Logo virían os galardóns á mellor interpretación feminina de reparto para Elvira Mínguez (tamén recollido por Dani de la Torre), o de mellor son para David Machado, Nacho Arenas e Jaime Fernández; mellor montaxe para Jorge Coira; mellor música orixinal para Manuel Rivero; mellor interpretación masculina protagonista para Luis Tosar (que agradecía o premio a través do teléfono coa axuda da produtora do filme Emma Lustres); mellor interpretación feminina protagonista (para a xove Paula del Río) ou mellor dirección, que levaba de novo ao escenario a Dani de la Torre.

En medio dunha gran ovación, o director monfortino comezaba a súa intervención comentando que “como esta é unha gala tecnolóxica e a película ten o teléfono como protagonista, traigo o discurso escrito no teléfono”. Compartía o galardón dos seus compañeiros nominados “aos que admiro moito, non creo que haxa ningún mellor, nin peor, isto non é unha competición, cada un ten o seu estilo e todos son marabillosos. Tamén compartilo con todos os directores/as de series galegas que nos fan moi grandes a todos”. E resaltaba que “se estou aquí é porque un grande equipo técnico e uns actores marabillosos me trouxeron ata aquí, grazas a Emma Lustres e Borja Pena e ao grandísimo equipo de Vaca Films”.

O palmarés de “O Descoñecido” completábase cos Mestre Mateo ao mellor guión (para Alberto Marini), á mellor dirección de produción (para Carla Pérez de Albéniz) e á mellor longametraxe. Este último recollíao a produtora Emma Lustres (Vaca Filmes), quen emocionada e entre aplausos aseguraba que “non hai un mellor broche, despois desta viaxe tan marabillosa, que estar aquí con todos vos dando e recibindo os Mestre Mateo, de verdade que é o mellor que nos pasou! Nin Málaga, nin Venecia, nin San Sebastián, nin todos os espectadores que foran a ver a película, nin os Goya… Os Metre Mateo, porque é a nosa terra, por iso traballamos dende aquí, por iso tratamos de sacar xente de aquí, para nós é un orgullo que Dani fose capaz de ser unha película tan ambiciosa”.

Por outra banda, “Lobos sucios”, dirixida por Simón Casal e que retrata a explotación nazi do wolfram nas minas valdeorresas, sumaba dous Mestre Mateo. O primeiro deles era ao mellor vestiario e correspondíalle a Marta Anta, que o compartía con todo o seu equipo de vestiario “porque sen eles non podería estar aquí” e con “todo o equipo de “Lobos sucios” porque foi un traballo superduro pero é un agasallo que estea nas pantallas”. Tamén resultaba distinguida esta película, baseada nunha idea orixinal do rues Felipe Rodríguez, no apartado de dirección de arte, obra de Antonio Pereira, quen tamén compartía o Mestre Mateo con todo o equipo de “Lobos sucios”. Na gala estiveron apoiados por unha ampla representación valdeorresa.

Resultan asemade premiados José Villaverde coa mellor realización polo programa “Land Rober Tunai Show”; Óscar Aramburu e Sabela Martín no mellor maquillaxe e perruquería pola serie “Hospital Real”, “El Método Sueco” de Porco Bravú como mellor serie web, “Eco” de Xacio Rodríguez Baño como mellor curtametraxe, “O Terceiro Porco” dos alumnos do IES Imaxe e Son como mellor curta de animación, “Imposible sin ti” como mellor anuncio publicitario, “Buscando a Superfama” (Herdeiros da Crus) como mellor viodeclip, “Serramoura” como mellor serie de televisión, o lucense Martín Barreiro como mellor comunicador, “Zigzag Diario” como mellor programa televisivo e “Os Días Afogados” como mellor documental. Ademais o director Xavier Villaverde recibía o premio de honra Fernando Rey.

No decurso do acto, o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, denunciaba a violencia machista e comentaba que “o audiovisual galego non debe ser alleo ao que acontece na sociedade”, tamén facía un repaso pola situación deste sector e pedíalle ao público que “nos esixa cada día máis. Cada día debemos ser mellores, queremos ser mellores. Mais sen vostedes non somos nada. Din que o noso traballo (facer películas, series, documentais, programas de televisión, novos formatos) é un acto de amor. Un acto de amor ao noso público. Ese amor fainos avanzar e tentar entender mellor aos demais. Por iso pedimos a súa esixencia. Grazas a vostedes somos mellores”.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button