ConcellosÚltima hora

“Os produtos e comerciantes triveses teñen que chegar ata o último recuncho do mundo”

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, destaca a importancia do proxecto de rexeneración do comercio que se vai desenvolver ao longo deste ano no concello cun orzamento de 368.974 euros

 

Ata 368.974 euros  recibirá o proxecto para a rexeneración do comercio que vai impulsar o Concello de Trives, enmarcados na liña de axudas a zonas de afluencia turística do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase dun “proxecto transversal que abrangue moitísimas actuacións: a finalización das obras na praza de Abastos, tanto no seu interior como por fóra, dende aquí se promocionarán todos os produtores e comerciantes de Trives, vaise arranxar ademais todo o entorno dende a propia praza como polo resto da rúa San Martín, na que se vai facer unha adecuación das beirarrúas para fomentar a accesibilidade. Loxicamente estamos nun entorno protexido e afectado por patrimonio, e vaise cumprir coa normativa”, adiantaba esta mañá a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, xunto ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e ao subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.

Tamén explicaba a rexedora que o proxecto incide no fomento “do comercio de proximidade” e, nese senso, vanse acometer “accións, de comercio dixital, un marketplace con toda a difusión e promoción, non só para os produtores, senón tamén para o turismo da zona; vaise adquirir un punto limpo móbil para potenciar o ecoloxismo e para que, agora mesmo que a Deputación privatiza eses servizos, pois apostar polo público porque nós como concello socialista apostamos por iso”.

Ademais, Patricia Domínguez matizaba que “esta liña de subvención tamén cofinancia unha parte as luminarias LED que pedimos. O importe das que van instalar na vila ascende a case 90.000 euros e nese custo o Concello non ten que facer ningunha aportación”.

Outras iniciativas previstas no proxecto serán a “instalación dun espazo de coworking e de showcooking dende aquí se farán distintas demostracións dos produtos da zona, os comerciantes, hostaleiros, produtores ou os propios vendedores da Praza de Abastos poderá cociñar aquí os seus produtos, a xente que veña a Trives poderá degustalos, desfrutar deles e poderanse dar a coñecer aí”, anunciaba alcaldesa de Trives.

 

Un dos momentos da visita do delegado do Goberno a Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Convenio con Correos para o envío dos produtos do marketplace

Por outra banda, Patricia Domínguez aseguraba que o Concello da Pobra de Trives está en negociacións con Correos “para a distribución dos produtos do marketplace, temos xa moi avanzado un convenio, que non vai aforrar os custos de envío. Nós apostamos polo comercio de proximidade, pero tamén por chegar a un cliente trivés que poida estar emigrado ou por unha persoa de fóra que coñeza os produtos de Trives ou que os descubra través das platafomas. Queremos que os nosos produtos se poidan mercar fóra sen que o custo de envío sexa un impedimento, que se poida comprar como se se estivese aquí na vila”. Ademais, nese convenio o Concello de Trives está negociando “unha serie de promocións de difusión da vila, do entorno, do turismo e en realidade de toda a comarca”.

Economía sostible

Dentro do proxecto tamén se contempla a elaboración dunha serie de bolsas co logotipo de Trives co que “apostamos por unha economía sostible na que se utilice o menos posible ou non se utilice o plástico. Imos coidar o entorno, por exemplo, ocultando os contenedores, axudando á hostalaría nas propias terrazas para poder cubrir iso e, todo ,dunha maneira uniforme seguindo o exemplo da Praza de Abastos, empregando a madeira, materiais sostibles e propios da terra”, sinala a alcaldesa de Trives.

Outro dos piares do proxecto será o da promoción e a difusión no resto de España e no estranxeiro, “que é un traballo que vai levar anos pero que comeza e arranca con este proxecto. Os nosos produtos de todo tipo e os nosos comerciantes de todo tipo teñen que chegar ata o último recuncho do mundo, a bica de Trives ten que ser coñida en Trives, pero tamén en China, no Xapón, en todos os lados e, como a bica o comercio téxtil, de aquí sabemos é orixinario Adolfo Domínguez, co que estamos en contacto tamén para ver se conseguimos esa volta ás orixes da que están eles moi orgullosos. Este é un primeiro paso moi importante, é unha actuación transversal que abarca distintas liñas”.

Nós próximamente manteremos reunións cos diferentes sectores do concello porque aínda que ao ser unha subvención o que hai que facer é o que se pediu e o que se aproba para esa subveción, loxicamente si hai cousas nas que imos escoitalos, contar coa súa experiencia, coa súa colaboración para unidos pór este proxecto en marcha.

Artigos relacionados

Back to top button