ConcellosÚltima hora

Os programas infantís “Kero-Kolo” e “Kero-Kedar” de Verín despídense até o curso que vén

Festa de fin de curso.

Máis dun centenar de nenos e nenas de Verín participarán ovindeiro martes, 13 de xuño, xunto aos seus proxenitores, na festa de fin de curso dos programas “Kero-Kolo” e “Kero-Kedar”, con actividades lúdicas e deportivas.

Esta iniciativa terá lugar na área recreativa de Tintores, en Verín, e na mesma participarán os menores, pais integrantes nos dous programas. Entre as actividades programadas hai obradoiros de paracaídas, pintura de cara e mans, diana, traballos de horta, circuíto de psicomotricidade , pesca, tragabolas, e unha merenda infantil. No eido da seguridade, a xornada contará coa presenza de efectivos do Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e Cruz Vermella.

O programa “Kero-Kolo” é un espazo de encontro entre pais e nenos, de dous a tres anos de idade, onde conxuntamente coa familia e a persoa directora das sesións aprenden a relacionarse entre eles. O mesmo busca crear unha serie de actividades de interacción e participación entre os menores e as familias nas que se desenvolven iniciativas de educación infantil conxuntas e propostas por todos os participantes, é dicir, unha aula de convivencia que será unha antesala de entrada ao centro educativo e a compartir experiencias cotiás. Mentres que o “Kero-Kedar”, destinado a nenos de idades comprendidas entre 3 e 4 anos, trátase dun espazo de xogo e aprendizaxe entre iguais que serve de conciliación para as familias. Os programas “Kero-Kolo” e “Kero-Kedar” atópanse enmarcados dentro da iniciativa Escola de Familia Municipal, posta en funcionamento polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín.

Dende o Concello de Verín anuncia que xa se abriu o prazo de inscricións para a vindeira edición dos programas “Kero-Kolo” e “Kero-Kedar”, para o curso 2017-2018, que debe realizarse no departamento de Educación Familiar do Concello de Verín (Avda. de Portugal, 11 bis), no correo electrónico educadorafamiliar@verin.net ou no teléfono 988-414776; tamén no no edificio municipal do Lavadoiro (situado na esquina das rúas Rosalía de Castro e Lavadoiro) ou no teléfono 988-411468.

Artigos relacionados

Back to top button