ConcellosÚltima horaVídeos

Os radioafeccionados de Trives e Padrón poñen en marcha a iniciativa “Diploma PMR & CB Euquedonacasa” para entreter a nenos e maiores

 

Co fin de axudar a sobrelevar a situación de confinamento dos maiores durante estes días e tamén dos máis pequenos, os grupos de Radioafeccionados de Trives e de Padrón veñen de poñer en marcha unha orixinal e altruísta iniciativa a través da radio: o “Diploma PMR & CB Euquedonacasa.

Trátase dun concurso que xa está funcionando e que se manterá mentres dure esta situación de illamento social provocada pola crise do coronavirus. Nel poderán participar todos aqueles radioafeccionados de PMR e CB 27 Mhz con indicativo. “Poden participar con walkies e PMR mercados en grandes superficies”, explica José María, dos Radioafeccionados de Trives, quen destaca a participación que está habendo de persoas e cativos de Valdeorras.

 

 

As canles de contacto son o 37 en CB e o Canal 3 de PMR, peferiblemente. “Os interesados en conseguir o diploma deberán estar obrigatoriamente no seu QTH, as estacións entregarán aos corresponsais un número progresivo segundo orde de contacto, serán válidos un contacto por día e por banda co mesmo corresponsal”, segundo as bases.

Nelas tamén se establecen como recoñecementos: un diploma de ouro para o primeiro clasificado, un diploma de prata para o segundo e outro de bronce para o terceiro, ademais dun diploma de participación para o resto de participantes.

 

 

“O diploma enviarase, de maneira gratuíta, en formato electrónico PDF, ao correo electrónico do que o solicite”, segundo os organizadores.

Nas imaxes que acompañan esta información, algúns dos participantes nesta singular iniciativa das comarcas de Valdeorras e Terra de Trives.

 

 

 

Imaxes cedidas polos Radioafeccionados de Trives.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button