OurenseÚltima hora

Os Reis Magos enchen de maxia Ourense

As súas maxestades chegaron á cidade en tren e percorreron todo o centro ata a Praza Maior, onde foron recibidos pola corporación municipal

As súas maxestades, Os Reis Magos de Oriente, chegaron á cidade das Burgas en tren. A estación do Empalme foi a encargada de recibir o comboio real no que as súas máxicas maxestades ían acompañadas dos diferentes membros da Corporación Municipal como o alcalde da capital, Jesús Vázquez. No andén, centos de pais e nenos agolpábanse para recibir a Melchor, Gaspar e Baltasar. Os nervios e a impaciencia eran visibles nos rostros dos cativos. A megafonía da estación anunciou a chegada da comitiva real cara ás seis da tarde. Á saída do tren, as súas maxestades foron recibidas pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que interpretou o himno do antigo Reino de Galicia.

Tras saír da estación, os Reis Magos e os seus paxes dirixíronse ás carrozas que tiñan preparadas e agardando para que se subisen e saudar aos seus espectadores. Ademais do fervor e a calor dos cidadáns de Ourense, as súas maxestades estiveron acompañados pola súa comitiva real. Entre eles, estaba a propia Real Banda de Gaitas da Deputación; os Bombeiros de Ourense, que foron os encargados de levar parte dos agasallos e o carbón; os Trens “chuhu”; os cepelíns e os unicornios autoiluminados de “Boneca Lareta”, que fixeron as delicias dos máis pequenos e os grupos de baile, que animaron en todo momento a marcha real pola cidade. Asemade, a esta comitiva uníuselle, en cabeza, o carteiro real, que co seu séquito de colaboradores, recolleu todas as cartas dos nenos e nenas e as meteu nos seus buzons con rodas, pilotados por dous dos seus axudantes.

Luces; música en directo cos grupos de percusión “Aperta” e os de “Xituma Batuké”, que estiveron acompañando ao rei Baltasar; e caramelos foron os ingredentes máxicos para esta fantástica tarde de cabalgata.

En canto ao percorrido, as súas maxestades deron unha volta por toda a cidade, intentando chegar a cantos máis nenos mellor. Tras saír da estación do Empalme, puxeron rumbo pola avenida das Caldas ata a Ponte Romana. Tras atravesar este símbolo da cidade continuaron desfilando e danzando caramelos pola rúa do Progreso, logo baixaron polas Burgas e subiron cara a Praza Maior.

Neste punto neurálxico da cidade, centos de persoas agolpáronse para recibilos. Tamén estivo alí o rexedor municipal, Jesús Vázquez, e diferentes membros da corporación municipal e do grupo de Goberno. Tanto os concelleiros como o propio alcalde, estiveron repartindo caramelos namentres non chegaban os Reis Magos.

Unha vez as súas maxestades descenderon na praza maior, tamén se dirixiron aos alí presentes para falar cos nenos e recibir as cartas. Tras iso, achegáronse á representación do nacemento vivinte, feita por parte da Asociación de Belenistas de Ourense, e déronlle o ouro, incenso e mirra ao neno Xesús. Neste punto da festa, Jesús Vázquez dirixiuse aos alí presentes para desexarlles “un ano moi ventureiro a todos os cidadáns”. Logo de facer a ofrenda, Melchor, Gaspar e Baltasar dirixíronse ao balcón principal do Concello, situado no salón de Plenos, para falarlle a toda a praza. O primeiro en intervir foi Melchor, que lle dixo aos rapaces que tiñan que deixar “os zapatos ben limpos baixo a árbore”. Pola súa banda, Gaspar pediulles comprensión aos nenos “xa que somos tres reis magos si, pero só tres pobres vellos reis e, ás veces, trabucámonos e non levamos todos os regalos que pedistes”. Finalmente, Baltasar, falou na súa lingua natal e logo animou aos nenos a pasalo ben. As tres maxestades despedíronse de toda a praza berrando “VIVA A OURENSE!”.

Tras iso, a xornada concluíu cara ás nove e media da noite cun espectáculo pirotécnico nas marxes do río Miño.

Artigos relacionados

Back to top button