ConcellosÚltima hora

Os Reis Magos visitan Ourense

Máis de 250 persoas participarán na cabalgata que percorrerá a cidade das Burgas na tarde do 5 de xaneiro
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Como sucede no resto da provincia, a cidade de Ourense agarda a visita das súas Maxestades os Reis Magos o vindeiro día 5 de xaneiro. Por iso xa dende o día 29 de decembro están instalados na rúa Paseo as caixas de correos reais para que os cativos poidan depositar as súas cartas.

As actividades da visita real terán lugar na tarde do domingo día 5 a partir das 16 h. Na Praza da Estación de Tren e na Ponte Romana, haberá actividades infantís de pintacaras, globoflexia e manualidades nas que os pequenos poderán gozar antes de ver desfilar ás súas Maxestades.

Ás 18 h, os Reis Magos partirán da Estación de Tren da cidade cos seus séquitos e toda a animación para compartir a emoción e a alegría da entrega dos agasallos durante esta noite. O percorrido atravesará gran parte do centro da cidade pasando pola Avenida de Caldas, cruzando A Ponte Romana, para continuar pola Rúa Progreso e finalizar na Praza Maior, segundo se informa dende o Concello de Ourense.

O desfile comezará con animación para os máis pequenos: zancudos e malabares a cargo de Barafunda Animación. A Banda Municipal de Ourense interpretará clásicos infantís para dar paso a un espectáculo de globos cisne e a recoñecidos personaxes de debuxos animados como Mickey e Minnie Mouse, Pocoyó e Elli, Pepa Pig e os protagonistas da película Madagascar.

A continuación, estará presente coa súa carroza o Carteiro Real, interpretado polo actor Rubén Riós, que estará disposto a recibir as últimas cartas daqueles que esperan a última hora. O baile correrá a cargo de Inthecisos, un grupo de b-boying que ofrecerá un estilo moderno ao evento e seguiranlle a alfombra máxica de Aladín. Dous trens termais irán cargados de caramelos, seguidos da Asociación Musical Particella, quen cos seus instrumentos de ventos amenizarán a chegada da Mina Real, onde mostrarase o carbón que poden recibir aqueles que non se portaron ben ao longo do ano.

Un espectáculo de globos e pompas anunciarán a chegada da Estrela de Oriente: unha luminosa figura que darán paso aos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar presentaranse ante os nenos ourensáns nas súas carrozas dispostos a repartir caramelos entre os pequenos cos seus séquitos (formados por máis de 70 persoas).

Texto: O Sil/Redacción/ Ourense Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button