ConcellosQuirogaÚltima hora

Os Reis Magos visitarán Quiroga en coches descapotables

Será o martes día 5 de xaneiro a partir das seis da tarde e os nenos non poderán achegarse a eles polas medias anticovid

Luces de Nadal en Quiroga.

 

O vindeiro martes, día 5, as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente achegaranse ata Quiroga, na que será unha visita marcada por un protocolo anticovid que impedirá que os nenos se poidan achegar ás Súas Maxestades pero si poderán velos.

Así, ás seis da tarde, partindo das inmediacións da Residencia da Terceira Idade percorrerán a rúa Real, pero nesta ocasión non irán nas súas tradicionais carrozas senón nuns orixinais coches descapotables que pasarán moi despazo para que todos os nenos que agarden nas beirarrúas, gardando a distancia de seguridade na medida do posible, os poidan ver. Ademais irán acompañados de tres paxes, un por cada rei, que provistos de guantes e utilizando continuamente xel desinfectante, entregaranlle a cada cativo unha bolsa de lambetadas.

Antes da cabalgata, Melchor, Gaspar e Baltasar, terán tempo para entregarlle agasallos aos nenos máis desfavorecidos do municipio, e de achegarse ata o Centro de Día e a Residencia da Terceira Idade, onde saudarán dende fóra aos residentes, posto que o protocolo anticovid restrinxe a entrada nestes centros de maiores.

Ademais de velos, os nenos quirogueses terán a oportunidade de facerlle chegar ao reis as súas cartas de peticións a través do buzón real, que estará instalado dende o sábado ata o luns no Pavillón Municipal, coincidindo coa festa infantil con inchables e pista de patinaxe.

Artigos relacionados

Back to top button