EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Os restaurantes da Rúa reabren as portas tras dous meses e medio pechados

Queda algún sen abrir pero a maioría vai recuperando pouco a pouco a actividade

 

Aínda falta algún por abrir pero, co pase á Fase 2 da desescalada, a actividade de restauración regresaba á Rúa na xornada do 25 de maio, dous meses despois de entrar en vigor o estado de alarma.

Cunhas estritas medidas de seguridade e hixiene marcadas por Sanidade, e cada un coas súas propias normas, os restaurantes da localidade ruesa teñen xa abertas as portas ao público aínda que algúns non deixaron de servir comida para levar. O Peyma, todo un referente en marisco na comarca, decidía abrir primeiro o salón que ten para banquetes “pola amplitude, porque nos dá máis xogo para manter a distancia de seguridade entre as mesas”, asegura o responsable do establecemento”. A Lareira, pola súa banda, cun único comedor, abrirá só pola semana. “Isto vai ser complicado. Eu teño un grupo de once persoas que me veñen todos os días pero de momento a fin de semana non me compensa”, explica a súa propietaria.

 

Salón de banquetes do Restaurante Peyma.

 

Preocupados están tamén no Mesón O Toño que levaba só tres meses coa nova xerencia cando tiveron que pechar. “Despois deste tempo parados, vai ser ser máis difícil volver arrancar”, din, lamentando que a xente chega á porta pero non se decide a entrar, quedando na terraza. “Haberá que esperar, a ver como van as cousas”. Quen de momento non se queixa é Poldo, que non deixou de servir comidas para levar e coa apertura  do comedor recupera a actividade case total porque non poden atender na barra. “Puxemos os taburetes enriba para que a xente non se acerque”, di.

Os que de momento non abriron son A Pepa, no centro da vila e O Refuxio, na área recreativa do Aguillón.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button