CulturaCulturaÚltima hora

Os restos humanos da escavación de Os Conventos (A Pobra do Brollón) son do século X

O resultado da datación, que se facía pública este venres, resulta moi interesante para comprender as orixes e evolución histórica da Ribeira Sacra

Imaxe dos restos atopados na escavación en maio.

 

O pasado mes de maio descubríanse ósos enterrados nunha cista con elementos pagáns na recta final dunha escavación arqueolóxica en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), no marco do proxecto Adegas da Memoria.

Seis meses despois veñen de facerse públicos os resultados da datación. Presentábanse na mañá deste venres 29 de novembro nun acto na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, coas intervencións do alcalde Xosé Lois Maceda, o presidente da Asociación de Veciños de Vilachá, José Castiñeira, o director arqueolóxico Xurxo Ayán e o coordinador do proxecto Adegas da Memoria, Xosé Gago.

“O enterramento non tiña aspecto medieval nin concordaba cun enterramento cristián,” comenta Xurxo Ayán, director da escavación e investigador do Instituto de Història Contempoânea da Universidade Nova de Lisboa.
Tras traballar con diversas hipóteses, as probas de C-14 realizadas no laboratorio Beta Analytics en Miami (EEUU) non ofrecen dúbidas, segundo o investigador, trátanse de restos do século X.

“O resultado é interesantísimo xa que os restos pertencen ao período dos séculos escuros, dos que non temos moita información; unha época na que os ritos cristiáns eran diferentes aos de hoxe e estaban moi mesturados con outro tipo de elementos pagáns”, engade Ayán.

Esta cronoloxía correspóndese co dos eremitorios, anteriores aos grandes mosteiros e regulados pola regra de San Fructuoso. “Estes restos teñen que ver co uso da ribeira como espazo simbólico. En Os Conventos seguramente temos unha secuencia na que un primitivo eremitorio dá paso ao Mosteiro de San Martiño de Piñeira, que en época cisterciense pasa a ser unha granxa, unha unidade produtiva”, prosegue.

 

Presentación dos resultados da datación.

 

O achado resulta de gran valor para comprender as orixes e evolución da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, ademais polo que supón para a parroquia e os veciños de Vilachá. “Vilachá, situado na periferia da Ribeira Sacra está a converterse no centro do coñecemento científico e histórico deste territorio” comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón. “Isto é así grazas á implicación dos propios veciños da parroquia, involucrados no proxecto.”

O coordinador de Adegas da Memoria e técnico de cultura e turismo do Concello, Xosé Gago, sinalaba que dende o proxecto estase a abrir un camiño nun momento crucial para a Ribeira Sacra.

A campaña arqueolóxica na que se localizaron estes restos foi financiada polo Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, coa participación da Universidade Nova de Lisboa e do Incipit- CSIC. O obxectivo era constatar a existencia dun primitivo mosteiro medieval relatado nunha lenda dos veciños da zona e citado tamén na documentación medieval.

Espérase levar a cabo unha nova campaña arqueolóxica en maio de 2020 para seguir afondando en Os Conventos (no que xa hai indicios de máis enterramentos) e por tanto, na historia da Ribeira Sacra.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close