En portadaÚltima hora

Os resultados da campaña no Castro de Valencia do Sil presentaranse o 30 de outubro en Vilamartín

Será no decurso dunha conferencia prevista para as 20h. no Centro Social Santa Lucía

O arqueólogo Carlos Tejerizo, director desta intervención, na zona do Castro de Valencia do Sil que están escavando./ Foto: A.R.

 

Ata o vindeiro 30 de outubro prolongarase a primeira intervención arqueolóxica que o equipo de Sputnik Labrego está a realizar no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín) e que se iniciaba o pasado día 26. O obxectivo principal desta campaña, na que o equipo conta co apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras, é escavar unha vivenda, inicialmente datada en época tardorromana ou sueva, co fin de obter información detallada tanto sobre as datas de ocupación do xacemento, como das condicións de vida dos seus habitantes, e o papel que desempeñaba no val do río Sil nese momento histórico.

O equipo de investigadores compartirá os resultados iniciais desta actuación nunha conferencia titulada “Traballos arqueolóxicos. Valencia do Sil 2019”, que terá lugar o mércores 30 de outubro ás 20h. no Centro Social Santa Lucía de Vilamartín e que será presentada polo alcaldes deste municipio, Enrique Álvarez.

As intervencións correrán a cargo de dous investigadores de Sputnik Labrego: Celtia Rodríguez González (USC) e Mario Fernández Pereiro (doutor en Arqueoloxía da USC). Tamén falarán o arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer Sierra, que escavaba o pasado verán outra zona do castro, e José Fernández Pérez (sección de Arqueoloxía do IEV).

Con este tipo de accións divulgativas, o equipo de Sputnik Labrego pretende dar a coñecer e compartir coa poboación local o valor do seu patrimonio e facela partícipe do mesmo.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button