En portadaÚltima hora

Os retos do viño de calidade, abordados en Monforte de Lemos na asemblea xeral da CECRV

Esta entidade renovaba ademais a súa directiva, mantendo a José Manuel Rodríguez da D.O. Ribeira Sacra como vicepresidente

 

A Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte de Lemos (Lugo) acollía ao longo da mañá do 25 de outubro a XXIV Asemblea Xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV), que representa ao 98% da produción nacional de viño con denominación de orixe en España.

Neste encontro procedíase á renovación da xunta directiva da entidade que agora pasa a ser presidida por David Palacios. Dentro dela mantense, como vicepresidente, o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

“Iniciamos unha nova etapa nun momento convulso para o mundo do viño, con cambio de normativas, con aranceis, sen embargo este é o produto que mellor se adapta aos avatares do mercado. Estamos intentando abrirseno camiño cun produto que é dos mellores escaparates para un territorio”, tal e como sinalaba José Manuel Rodríguez ao termo da xuntanza, nun acto no que tamén participaban David Palacios, o conselleiro do Medio Rural, José González; a deputada provincial de Lugo de Réxime Interior, Promoción de Territorio e Turismo, Pilar García; e a tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.

 

José Manuel Rodríguez, presidente do CRDO Ribeira Sacra e vicepresidente do CECRV./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O titular de Medio Rural resaltaba que “o viño é un dos motores de progreso, cohesión e futuro na nosa comunidade, de aí o seu peso na nosa economía, cultura e tradición”, e que constitúe o “principal elemento dinamizador dos territorios que conforman os distintos selos de calidade deste eido produtivo. De aí a importancia de aproveitar e unir sinerxías con outros sectores como poden ser o turístico, tanto na vertente natural coma cultural ou paisaxística”.

José González incidiu ademais na “calidade” das cinco denominacións de orixe vinícolas que hai na nosa comunidade (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras e Ribeiro), das catro indicacións xeográficas protexidas e a que agrupa ás augardentes e licores tradicionais de Galicia. “Cada unha delas é única, os seus aromas, corpos e variedades fan dos nosos caldos unha experiencia inigualable e convertan este sector nun dos máis estratéxicos da economía galega”.

Pola súa banda a deputada provincial Pilar García agradecíalle á CECRV ter escollido á Ribeira Sacra para a súa reunión anual, indicando que nesta zona galega “a viticultura é unha auténtica forma de vida e o verdadeiro motor para o desenvolvemento do noso territorio”. Referíase tamén á candidatura que se está a impulsar para converter a esta terra en Patrimonio da Humanidade no 2021, un proceso no que “se siguen superando etapas”.

De maneira semellante se manifetaba a tenente de alcalde de Monforte, que aproveitaba a ocasión “para resaltar e agredecer o importante labor que os consellos reguladores levan a cabo á hora de obter uns viños de calidade, de posicionalos nos mercados nacionais e internacionais e, en definitiva, por posicionar os viños españois como uns dos máis importantes do mundo”.

A CECRV

A Conferencia Española de Consejos Reguladores Vitivinícolas (CECRV) é unha asociación sen ánimo de lucro que representa ás denominacións de orixe vitivinícolas españolas ante o Goberno do noso país e ante organismos ou entidades públicos ou privados, internacionais, nacionais ou rexionais cuxa actividade ou competencias estean relacionadas de maneira directa ou indirecta co mundo do viño. Na actualidade integra a 54 denominacións de orixe das 70 que existen hoxe en día en España.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a primeira da galería que é do Concello de Monforte de Lemos.

 

Artigos relacionados

Back to top button