EconomíaEconomíaGalerías de fotosPizarraÚltima hora

Os retos do sector da lousa, analizados nunha xornada técnica en Ourense

Neste encontro, promovido polo Clúster da Pizarra de Galicia, estanse abordando, entre outras cuestións, a modelización dunha canteira e dunha entulleira de lousa

Baixo o titulo “Retos, proxectos e boas prácticas no sector da lousa” iniciábase no mediodía deste luns 11 de decembro unha xornada destinada a profesionais na sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), na capital da provincia. Esta iniciativa, promovida polo Clúster da Pizarra de Galicia, busca poñer en valor a “potencialidade do noso ámbito de actividade”, segundo indican dende esta entidade con sede en Valdeorras.

O acto comezaba coa intervención de José Manuel Díaz, vicepresidente da CEO, que daba á benvida aos asistentes, seguido polo presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, quen agradecía a colaboración desta organización empresarial provincial e tamén a asistencia dos presentes. Asemade resaltaba a relevancia dos estudos presentados e modelos presentados neste foro que “nos axudan no só a avanzar en desenvolvementos tecnolóxicos innovadores, senón tamén a fortalecernos como sector e fannos ganar en competitividade con respecto a outras zonas produtoras de lousa”.

Finalmente tomaban a palabra a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González, e o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, que resaltaban o peso da lousa como actividade económica. Así a rexedora de Carballeda, incidía na importancia “de defender os nosos valores, a nosa economía” e aludía aos empresarios da lousa indicando que “souberon emprender e facer da nosa zona un lugar onde os nosos veciños poidan seguir vivindo”.

Pola súa banda, Ángel Bernardo Tahoces destacaba “o compromiso deste sector co medio ambiente e coa seguridade, tal e como se plasma nos traballos incluídos no marco desta xornada”, indicando que son tamén criterios prioritarios da Lei de implantación empresarial, a nova normativa aprobada pola Xunta para impulsar a actividade económica na comunidade galega.

A continuación tiña lugar a primeira das ponencias técnicas, a cargo de Javier Taboada, doutor enxeñeiro de Minas da Universidade de Vigo, quen expoñía un proxecto de modelización tridimensional dunha canteira e dunha entulleira de lousa. Despois, Luis M. Andón Rivas, director técnico do Departamento de Medio Ambiente de Calfensa, presentaba unha guía de boas prácticas ambientais para o sector da lousa.

Entre os asistentes ao acto, ademais de empresarios e diversas autoridades, como o subdelegado do Goberno en Ourense, tamén estaban os alcaldes do Bolo, Vilamartín de Valdeorras e Petín.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button