DeportesÚltima hora

Os Santiños abren un novo Circuíto de Carreiras Populares de Valdeorras

Esta carreira, que cumpre oito edicións, celebrarase o 8 de novembro ás 12h. no Barco
Acto de presentación da 8ª Carreira dos Santiños do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Acto de presentación da 8ª Carreira dos Santiños do Barco./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Con varias novidades se presenta a oitava edición da Carreira dos Santiños do Barco. A primeira delas é que esta proba inaugurará un novo Circuíto de Carreiras Populares do oriente ourensán que leva por título “Compartindo Valdeorras”. Estará patrocinado pola D.O. Valdeorras e por AEVA e agrupará a unhas 16 competicións. Así se facía público na presentación que tiña lugar na tarde do 3 de novembro e na que participaban o presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Isidoro Hornillos; o delegado da federación en Valdeorras, Manuel Rodríguez; o presidente do Club Adas Proinor, Agustín González; e o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso.

Ademais esta proba terá carácter solidario xa que os participantes poderán entregar un xoguete educativo que será destinado á Cruz Vermella. A carreira desputarase o vindeiro 8 de novembro ás 12h. Contará cun circuíto de 3.500 metros ao que os cadetes darán unha única volta, mentres que no resto de categorías (xuvenil, junior, absolutos e veteranos) serán dúas. O punto de saída e a meta estará situadas, como en anos anteriores, no estadio de Calabagueiros. Ademais a partires das 13h. comezarán as carreiras das categorías inferiores, que forman parte do programa Xogade. Tras elas, terá lugar a entrega de premios.

O presidente da FGA, intervindo nun dos momentos da rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O presidente da FGA, intervindo nun dos momentos da rolda de prensa./ Foto: Ángeles Rodríguez.

“Imos xa pola oitava edición dunha proba que naceu como algo lúdico, pero que se está consolidando”, aseguraba o concelleiro de Deportes barquense, Aurentino Alonso, na presentación. Ao seu carón, o presidente da FGA, Isidoro Hornillos, destacaba o cáracter solidario da carreira e a importancia de promocionar o deporte como un hábito saudable a través de iniciativas populares coma esta. Asemade referíase ao labor da delegación valdeorresa da FGA e destacaba o feito da posta en marcha dun circuíto propio de probas populares.

As persoas interesadas en participar na 8ª Carreira dos Santiños poderán inscribirse a través de dúas páxinas web ata o 5 de novembro:
http://www.atletismogalego.com/
http://www.carreirasgalegas.com

Outra opción é a de anotarse o mesmo día ata unha hora antes da proba nas pistas de atletismo, “pero nese caso non garantizamos que haxa bolsas do corredor”, matizaba Agustín González, dende o Adas.

Artigos relacionados

Back to top button