EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os seguros para explotacións vitícolas e as súas novidades, nunha xornada na Rúa

O Consello Regulador da DO Valdeorras promovía na tarde do 14 de novembro unha charla informativa sobre a contratación de seguros

Como asegurar un viñedo, que riscos e danos se cubren ou cando contratar un seguro. Son algunha das cuestións ás que se daban resposta na xornada informativa sobre seguros agrarios para viñedo que se impartía este martes 14 de novembro ás 19h. no Centro Cultural Avenida da Rúa.

Nesta charla contábase coa presenza do subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural, Nicasio Mejuto; do director territorial Noroeste de Agroseguro, Ramón Martín, e do xefe do Servizo de Estudos e Investigación en Producións Agrícolas e Forestais de ENESA, Jesús Gregorio. Tamén participaba o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando.

No decurso do acto apuntábase que os seguros para a colleita 2018 inclúen dúas novidades principais. Por unha banda, mantense a bonificación do 5% para novos asegurados e para aqueles que non teñan contratado seguro nos tres últimos anos e ademais revísanse á alza os prezos de aseguramento de determinadas denominacións de orixe. Os seguros agrarios para viñedo cubren riscos e danos en produción, en plantación e tamén en instalacións.

Esta xornada informativa ten sido organizada polo Consello Regulador da D.O. Valdeorras en colaboración coa Consellería do Medio Rural. O seu obxectivo é, segundo o presidente desta denominación, José Luis García Pando, “favorecer a contratación de seguros por parte dos viticultores que lles poidan axudar a paliar, no futuro, perdas na colleita que poidan estar causadas por fenómenos meteorolóxicos adversos ou por outras continxencias”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button