CulturaCulturaÚltima hora

Os singulares personaxes de “Kinetiko”, na sala de exposicións de Quiroga

 

A Sala de Exposicións Manuel María do Concello de Quiroga, acollerá este mércores 4 de agosto a exposición “Kinetiko de Xira Paus”. Xira Paus é un proxecto de Manu Taboada (fabricante de xoguetes da Chintofanería) e Ero Vázquez ( titiriteiro e artesán de Trécola) que xurdiu co propósito de dar a coñecer e poñer en valor o universo dos autómatas.

“Trátase dunha exposición na que se poden atopar personaxes musicais que a partir de mecanismos crean sons e ritmos, historias e contos que nacen co movemento dunha manivela ou dun pedal, bonecos que se moven e andan sós, un teatrillo de monicreque automatizado homenaxe do tradicional monicreque de cachiporra, diferentes efectos especiais recorrentes no teatro…”, tal e como destacan dende o Concello de Quiroga.

A idea desta exposición é, ademais, que os asistentes poidan xogar manexando os mecanismos das pezas e ver como funcionan.

Esta mostra está patrocinada pola Área de Cultura da Deputación Provincial e poderase visitar entre as 12h e as 14h e entre as 18h e as 20h. na Sala de Exposicións do Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button