PolíticaÚltima hora

Os socialistas comezan unha serie de encontros con colectivos sociais e empresariais

Membros do seu grupo parlamentario, entre eles Xoaquín F. Leiceaga, reuníanse co secretario xeral de CCOO
Visita de membros do grupo parlamentario socialista a CCOO.
Visita de membros do grupo parlamentario socialista a CCOO.

O grupo do PSdeG-PSOE no Parlamento galego vén de iniciar unha serie de encontros cos colectivos sociais e empresariais galegos. Nese senso, o portavoz do grupo socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga comprométese a levar ao Parlamento iniciativas de impulso e control do goberno para vixiar a creación dunha “lexislación de emprego de calidade, con salarios dignos, en boas condicións”. E asegura que “poderemos ver se os funcionarios e traballadores da administración recuperan o seu poder adquisitivo” e se o goberno realiza un “maior esforzo na formación ocupacional, a prevención de riscos ou fronte ás dificultades do mercado de traballo”.

O primeiro destes encontros producíase o 14 de novembro coa visita ao sindicato CC.OO. Leiceaga coincidía co secretario xeral de CCOO na necesidade de afrontar a reforma dos servizos públicos de emprego, para “convertelos en algo máis eficaz” e en facer que a chamada axenda de competitividade 4.0 “pase de ser unha mera declaración de intencións a concretarse na práctica do Igape, no impulso da formación e na promoción de solo empresarial”.

Nesta reunión tamén participaban os portavoces de Política Social e Emprego e de Orzamentos, Industria e I+D do PSdeG, os ourensáns Noela Blanco e Abel Losada, respectivamente, e da secretaria de Política Social e o secretario de Acción Sindical do sindicato, Adela Poisa e Xesús Castro.

Leiceaga tamén se refería no decurso deste encontro ao inicio inminente do debate de Orzamentos para o ano 2017. Este debate, indicaba, “daranos a oportunidade de ver se as boas intencións do presidente da Xunta se levan ás leis e á práctica política real”.

Artigos relacionados

Back to top button