PolíticaÚltima hora

Os socialistas de Ourense presentan unha batería de propostas para pór en valor a Vía da Prata

Propoñen a elaboración dun convenio con Renfe vencellado á chegada do AVE que permita potenciar a competitividade desta ruta en relación a outros camiños

Os socialistas de Ourense (Rafa, Natalia, Javi e Rosa) na Ponte Romana de Ourense.

 

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha batería de propostas para instar ás administracións local, provincial e autonómica a materializar o acordo plenario do pasado martes para pór en valor a Vía da Prata ante a sangría de peregrinos que padece este tramo do camiño, aproveitando un momento “clave” como é a chegada inminente do AVE a Ourense e a celebración do Xacobeo extraordinario.

As propostas presentadas polos socialistas de Ourense xira arredor de cinco eixos fundamentais: a chegada do AVE; o deporte, a oferta termal; o turismo; e a promoción que xa constaba na moción aprobada de forma unánime polo pleno do Concello de Ourense o pasado 3 de agosto.

“Gustaríanos establecer un convenio con Renfe e unha oferta de lanzamento co gallo da chegada do AVE, o cal permitiría unha maior competitividade desta ruta e un factor diferencial con outros camiños xacobeos”, abundou o concelleiro socialista Javier Rey. Ademais, dende o grupo municipal socialista instan ao Concello de Ourense a estudar a posibilidade de organizar unha ultramaratón que conecte Ourense e Compostela, e que sirva de reclamo para dar a coñecer a cidade.

“Tamén propoñemos que se poña en funcionamento algún tipo de transporte para os peregrinos que acaben a ruta preto do noso concello, para que ao final do seu percorrido veñan a Ourense desfrutar da oferta turística e termal, combinando así lecer e ocio saudable” especificou o concelleiro, quen defendeu que o cuarto eixo tería relación coa creación de produtos turísticos para que os camiñantes que empecen a ruta dende Ourense poidan coñecer a contorna antes de emprender a súa peregrinación.

Por último, os socialistas piden que se cumpra o acordo plenario para o lanzamento dunha campaña de promoción conxunta entre Deputación Provincial e Xunta de Galicia que “alomenos compense en parte o investido na promoción doutras rutas homologadas”.

Pola súa banda, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, asegurou que a proposta é “un canto á Vía da Prata, un camiño esquecido pola Xunta de Galicia”, ao tempo que lamentou o estado no que se atopa a contorna da Ponte Romana, por onde pasa precisamente este camiño. “Xustamente o que precisa esta provincia é un reequilibrio territorial no eido tamén do turismo que lle dea forza” defendeu, ao tempo que instou ás administracións a darlle a Ourense “o empuxón que precisa”.

Artigos relacionados

Back to top button