PolíticaÚltima hora

Os socialistas de Pereiro de Aguiar esixen o inicio “inmediato” das obras do Centro de Saúde

Ao mesmo tempo mostraron o seu malestar pola “situación precaria” na que se atopa o actual servizo sanitario e por máis dunha década de “promesas incumpridas” pola súa construción
Manifestación ante o actual Centro de Saúde de Pereiro de Aguiar.

Os socialistas de Pereiro de Aguiar esixen o “inicio inmediato” das obras do novo centro de saúde. Segundo din, “tras múltiples anuncios, campañas publicitarias e roldas de prensa na última década por parte do Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia e o alcalde de Pereiro de Aguiar, sobre a inminente construción do novo Centro de Saúde”.

Reiteran que a acción de onte “incorporouse a devandita campaña de márketing, de cara ás vindeiras eleccións municipais de 2019 o presidente da Deputación, Manuel Baltar”, anunciando un investimento de 1,1 millóns de euros, sentenciaron.

O voceiro socialista no Concello de Pereiro de Aguiar, César Grande, asegura que esixiu novamente que as obras do novo Centro de Saúde “iníciense sen demora e de xeito inmediato”. “Os cidadáns están fartos das fotografías e das promesas dos políticos previas ás eleccións, que logo nunca se cumpren”, dixo. Asemade, reiterou que “a única forma de obrigarlles a cumprir é que que arranquen as obras de forma inmediata”.

Así, o voceiro socialista lembrou que tanto nos programas electorais do Partido Popular en Pereiro de Aguiar dos anos 2007, 2011 e 2015, como nos orzamentos da propia Xunta de Galicia dos últimos anos, incluíuse “de xeito sistemático” a promesa de construír esta nova instalación sanitaria, “e que houbo numerosos anuncios públicos, sempre meses antes das citas electorais, da súa construción e ata a data non se colocou ningún ladrillo”.

Os socialistas lembran que a poboación de Pereiro de Aguiar “leva manifestándose reclamando melloras sanitarias dende o ano 2006, xa que, o actual ambulatorio atópase nunha situación terceiromundista, por falta de espazo, ao ocupar unha pequena parte do edificio da Casa do Concello que impide a implantación de novas especialidades médicas necesarias como pediatra, odontoloxía ou fisioterapia”. Asemade, aseguran de que o actual ambulatorio non dispón de ascensor polo que “ás consultas da primeira planta só poden acudir pacientes novos sen problemas de mobilidade, ou obrigar ao médico para baixar para atendelas”.

Por último, o líder da oposición recalcou que o seu grupo municipal leva dende o 2008 presentando “innumerables iniciativas tanto no propio Concello, como no Parlamento Galego coa fin de fixar datas concretas de inicio e finalización das obras, fronte  promesas previas a citas electorais”.

Artigos relacionados

Back to top button