PolíticaÚltima hora

Os socialistas reivindican o valor da Casa da Mocidade de Ourense

Apuntan a unha “excesiva burocratización” dos servizos coa actual dirección da entidade e ven que perde o seu “espírito”
Aitor Bouzo, Noela Blanco e Javier Rey, esta mañá perante a Casa da Mocidade.
Aitor Bouzo, Noela Blanco e Javier Rey, esta mañá perante a Casa da Mocidade.

O Partido Socialista de Ourense reivindicou esta mañá o “valor” da Casa da Mocidade da cidade e pediu a municipalización deste servizo por parte do Concello como alternativa ao “páramo” no que, segundo din dende a formación, se convertiu a entidade. A candidata socialista, Noela Blanco, acompañou nesta reivindicación ao secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Aitor Bouzo, e ao concelleiro e ex director da entidade, Javier Rey.

Os socialistas entenden que a Casa da Mocidade de Ourense foi sempre un “espazo de referencia” para a cidade e Rey lembrou que hai un tempo se chegou a pedir no Concello a municipalización desta competencia. “Antes había asociacións que organizaban as súas actividades, manexaban o seu presuposto e tiñan algo que era único”, dixo o ex director da entidade, que lamenta que “desde que entrou a actual dirección, isto é un auténtico páramo e as actividades son precarias e mínimas”.

Pola súa banda, Bouzo entende que o seu papel pasa por reivindicar este servizo porque “tivemos un papel primordial e fundamental estes anos na construcción deste espazo, que era un encontro da mocidade”. Cre que detrás da actual situación do ente está a man do presidente da Xunta, que, segundo di, “está obsesionado con acabar coa voz da mocidade”. Por iso reivindica “un cambio de políticas” e pon ao seu partido e ao seu líder, Xaquín Fernández Leiceaga, como garante para “devolverlle a voz á mocidade”.

Tamén falou Blanco, que lembrou que a Casa da Mocidade de Ourense é a segunda máis antiga de España. “Foi un exemplo de pluralismo, tolerancia e participación de toda a xuventude ourensá”, dixo, e matizou que, dende o pasamento de Benito Losada, “perdeu o seu espírito co nomeamento dunha persoa que se meteu con calzador: a curmá do señor Feijóo”.

Critica que o espazo está a “sufrir un incremento constante de control político que se materializa nunha excesiva burocratización mesmo para pedir unha sala de reunións e a inclusión dun punto de encontro familiar” e entende que, deste xeito, se desvirtúa a función da Casa da Mocidade. Ademais, Blanco ve no modelo de xestión e de dirección un “ataque” das “políticas de dereita”.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button