PolíticaÚltima hora

Os socialistas preguntan no Congreso sobre a anulación dos exames teóricos de conducir

Veñen de presentar unha batería de cuestións relativas a perda destas probas teóricas no Barco, Monforte, Ferrol e Foz
A deputada socialista no Congreso por Ourense, Laura Seara, nunha recente rolda de prensa.
A deputada socialista no Congreso por Ourense, Laura Seara, nunha recente rolda de prensa.

Os deputados socialistas galegos Paloma Rodríguez, Miguel Cortizo, Margarita Pérez Herraiz e Laura Seara veñen de rexistrar no Congreso unha batería de preguntas parlamentarias coas que lle piden explicacións ao goberno pola eliminación dos exames teóricos de conducir no Barco, en Monforte de Lemos, Ferrol e Foz a partir do vindeiro mes de agosto.

Sinalan que “esta é unha medida moi perxudicial para os cidadáns das zonas afectadas, que se verán obrigados a realizar desprazamentos mesmo de máis dunha hora para poder examinarse da parte teórica do carné de conducir”. “Un gasto máis adicional de tempo e diñeiro para os cidadáns”, engaden.

Asemade os deputados socialistas din que “esta decisión da Dirección General de Tráfico tamén afectará negativamente sobre os postos de traballo das autoescolas das distintas localidades afectadas”. Por iso solicitan ao goberno español “que explique cal é o motivo polo que deciden que a partir do mes próximo os exames teóricos do carné de conducir se farán exclusivamente nas oficinas da Dirección General de Tráfico, nas catro capitais de provincia e nas cidades de Santiago e Vigo”.

Os parlamentarios socialistas tamén lle plantexan ao goberno “se para unificar os exames en todas as sedes, ten previsto dotar dos medios informáticos necesarios á aula onde se realizan actualmente as probas escritas do carné de conducir en Ferrol, Foz, Monforte e O Barco”. “Parece máis lóxico e operativo, e menos custoso, dotar de medios informáticos ás aulas actuais que proceder ao peche das mesmas”, indican.

Artigos relacionados

Back to top button