PolíticaÚltima hora

Os socialistas “urxen unha intervención coordinada” entre Xunta e Deputación para reparar a estrada de San Vicente

A deputada ourensá Noela Blanco amosa o seu respaldo ao alcalde de Vilamartín de Valdeorras, pechado no Concello dende o sábado
Noela Blanco co alcalde de Vilamartín de Valdeorras, pechado no Concello.

Á espera da reunión que terá lugar mañá na Deputación de Ourense, séguense sucedendo as mostras de apoio aos veciños de San Vicente de Leira e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, pechado no Concello para reclamar a reparación da estrada pechada dende o sábado 10 de marzo.

Desta volta o respaldo viña da deputada socialista Noela Blanco que presentaba na maña do 14 de marzo, unha batería de iniciativas parlamentarias para “reclamarlle ao goberno galego que coopere coa Deputación de Ourense para reparar a estada OU-807, pechada ao tráfico polo risco de derrube dende o pasado sábado”.

A responsable socialista amosaba así o seu respaldo ao alcalde da localidade, o socialista Enrique Álvarez, que se pechaba no Concello como “último recurso para chamar a atención sobre a grave situación dos veciños desta localidade, illados por estrada polas fendas provocadas polas últimas chuvias”, di Noela, sinalando que a única alternativa é circular pola estrada de O Robledo, de titularidade municipal, que “debido á súa elevada pendente, ao firme e outras consideracións técnicas, non ofrece unhas condicións de seguridade acaídas”.

Blanco advirte que a Deputación provincial, titular da vía de comunicación, sinalou que o desvío do tráfico “é unha solución provisional mentres non se realicen unhas actuacións sobre o firme que os veciños levan agardando máis de vinte anos”. A obra é importante para o organismo provincial, pero “as diferentes administracións son solidarias no caso de asegurar servizos mínimos para os cidadáns administrados” entre os cales se conta “un acceso seguro ás súas casas”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button