EconomíaEconomíaÚltima hora

Os soutos de castiñeiros galegos, eixo dun ciclo de conferencias en Lugo

Un dos ponentes das xornadas será o valdeorrés Julián Alonso, presidente da Asociación Micolóxica Lucus

our1

Conferencias e mesas redondas cun mesmo tema, pero abordado dende diferentes ámbitos e perspectivas: os soutos de castiñeiros en Galicia. O ciclo de conferencias doutor Luis Asorey García estará adicado nesta ocasión ao mundo da castaña. Constará de cinco sesións que se abrirán o 14 de novembro ás 19:15h. no salón de actos da Deputación de Lugo coa intervención de Antonio Rigueiro Rodríguez, enxeñeiro de montes e catedrático do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago. A súa disertación titularase “Os soutos de castiñeiros. Castiñeiros senlleiros en Galicia”.

Ademais o 15 de novembro, ás 19:30h. Juan Luis Fernández Lorenzo, doutor en Bioloxía e tamén profesor da USC, falará sobre “Técnicas de multiplicación dos castiñeiros para soutos mansos”. E ao día seguinte, á mesma hora, o profesor Santiago Pereira, enxeñeiro agrónomo, abordará a temática das variedades ou cultivares de castiñeiro en Galicia. A cuarta das conferencias deste ciclo correrá a cargo do profesor Roque Julio Rodríguez, doutor enxeñeiro de montes, quen fará unha exposición sobre a “Creación de soutos mansos. Tratamentos culturais e silvícolas”.

O progama inclúe tamén unha mesa redonda, baixo o título “A Biota dos soutos”, que moderará o profesor Antonio Rigueiro o 21 de novembro ás 19h. Nela participarán Manuel Antonio Rodríguez Guitián, doutor en bioloxía, cunha intervención sobre a flora e vexetación dos castiñeiros; Augusto de Castro Lorenzo, tamén doutor en bioloxía, quen se centrará nos soutos como “hábitat para os vertebrados” e o valdeorrés Julián Alonso Díaz, doutor en veterinaria e presidente da Asociación Micolóxica Lucus, quen falará sobre os cogomelos dos soutos.

O ciclo completarase con outras dúas ponencias. Unha delas será o 22 de novembro ás 19:30h. e nela afondarase na “Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. Comercialización e industrialización da castaña. Problemática do sector” da man do secretario desta IXP, Manuel López. E a conferencia que pechará o programa será a da doutora en bioloxía Fina Lombardero, quen analizará o estado sanitario dos soutos galegos. Estas xornadas serán organizadas pola Real Academia Galega de Ciencias coa colaboración da Deputación de Lugo e da USC.

Foto: Fran Domínguez.

Artigos relacionados

Back to top button