SanidadeÚltima hora

Os tests feitos a 1.313 profesionais da área sanitaria ourensá que usaron mascarillas defectuosas desvelan 28 positivos asintomáticos

O 96,19% dos traballadores resultaron negativos e un 1,67% presenta un patrón de anticorpos que revela inmunidade fronte a infección por tela superado sen síntomas, segundo Sanidade, que por agora non desglosa datos por hospitais

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras completaba onte o primeiro cribado sistemático que se realiza no Estado de posibles infeccións por COVID-19, mediante test rápidos de anticorpos de dobre banda, aos 1.313 profesionais desta Área Sanitaria (entre eles os do Hospital de Valdeorras), que empregaron as máscaras defectuosas enviadas polo Ministerio de Sanidade, que permitiron desvelar 28 casos positivos asintomáticos, o 2.13%; 22, o 1,67%, presentaban anticorpos compatibles cunha infección superada; e 1.263 resultaron negativos, o 96,19%, segundo a Consellería de Sanidade, que polo de agora non aporta resultados por hospitais.

“A distribución deste tipo de equipos fíxose de xeito centralizado por parte do Ministerio de Sanidad ás distintas Comunidades Autónomas, quen á súa vez, as distribuíron aos distintos centros sanitarios. No caso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, o número de máscaras recibidas, desta marca de modelo, foi de 3.800, das cales foron retiradas e substituídas un total de 2.457. Un total de 1.343 máscaras non foron recuperadas, o que motivou está actuación preventiva sistemática, a primeira que se completa a nivel estatal nunha área sanitaria”, segundo o Sergas de Ourense.

Sanidade indica que os 28 profesionais con resultados positivos no test, presentaron patróns IgM+/IgG-, ou IgM+/IgG+, é dicir positivos asintomáticos, polo que foron valorados pola Unidade de Riscos Laborais e o Servizo de Medicina Preventiva da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, indicándose illamento domiciliario baixo seguimento por TELEA, a plataforma de teleseguemento a domicilio, que está ser empregada masivamente en Ourense para o control dos pacientes Covid na casa.

Outro dato que aporta o varrido preventivo realizado en Ourense é que “o 1,67% dos test realizados onte, un total de 22 profesionais, presentaba patrón IgM-/IgG+, que desvela que xa pasaran a enfermidade ainda que non tiveran síntomas. Unha porcentaxe lonxe das cifras publicadas, en diferentes estudos, que estiman que estes casos poderían darse nun 15% da poboación”, segundo a consellería.

Continuaranse realizando test

Os test realizóuselle maioritariamente ao persoal que traballou nos últimos días nas unidades e servizos de atención directa de pacientes con sospeita ou diagnóstico COVID-19, onde está indicada e se emprega habitualmente este tipo de máscaras de protección N95 ou FPP2. É o caso de Urxencias, PACs, UCI, plantas Covid e residencias integradas, tanto a persoal habitual como eventual, ou de pool, ademais do das distintas empresas de servizos, como limpeza, ambulancias, de residencias integradas, etc. que as puderon empregar nos pasados días, xa que o devandito modelo convive con outros dos dispoñibles na actualidade, de diferentes marcas e fabricantes.

Segundo o informe técnico do Ministerio de Trabajo (do que depende o Centro Nacional de Medios de Protección) facilitado polo Ministerio de Sanidad, dedúcese que as mascarillas defectuosas terían unha redución da súa capacidade de filtrado de entre un 18 e un 29% con respecto ao que o seu marcado indica (do 95%).

O varrido xeralizado da situación inmunitaria dos posibles usuarios realizouse utilizando o test de anticorpos de dobre banda. Test rápido adquirido polo SERGAS e cuxo protocolo de uso está dispoñible na intranet, cunha indicación de efectividade superior ao 98% e que permite coñecer tanto unha infección activa como superada, tal e como indica a consellería.

“Para maior seguridade, nas vindeiras horas e días, previa citación, desde Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras continuarase realizando tests a aquelas/es profesionais potenciais usuarios destas máscaras que non poideron acudir onte a facer as probas. Ademais, de xeito secuencial e ordenado, continuaranse realizando estas probas aos profesionais das unidades e servizos con maior exposición e con maior vulnerabilidade dos pacientes atendidos, en aplicación do protocolo en vigor para todo o Servizo Galego de Saúde”.

A dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras agradece a colaboración do persoal “que permitíu completar un proceso da complexidade e amplitude do realizado onte e, moi especialmente, desexarlle un pronto restablecemento as e os profesionais contaxiados, ademais de transmitirlles e seu fondo agradecemento a todos pola gran labor que están a realizar estes días fronte a pandemia”.

Artigos relacionados

Back to top button