ConcellosEn portadaÚltima hora

Os traballadores da residencia da terceira idade de Trives estarán confinados de forma voluntaria 15 días neste centro

Dende a presidencia da Mancomunidade Navea-Bibei, da que depende este centro de maiores, agradécese a "profesionalidade, humanidade e bo facer" deste persoal

Mensaxe de ánimo no exterior da residencia de maiores de Trives./ Foto cedida.

 

A Mancomunidade Navea-Bibei, da que depende a residencia da terceira idade da Pobra de Trives, vén de facer público a través dunha nota de prensa as medidas tomadas neste centro fronte ao coronavirus. Polo momento, nela non se ten rexistrado ningún positivo.

Esta residencia “foi unha das primeiras en limitar o acceso total ao centro de persoas alleas ao servizo. Tamén unha das primeiras nas que os seus traballadores de forma voluntaria decidiron adoptar a medida de confinamento para evitar así posibles contaxios por causa do COVID-19. Adoptáronse todas as medidas de prevención ao seu alcance e coa aprobación da autoridade sanitaria. Este grupo de traballadores permanece no centro dende o 29 de marzo ás oito da mañá nun confinamento que se prevé dunha duración de 15 días”, segundo o presidente da Macomunidade, Miguel Sierra.

Miguel Sierra manifesta o seu agradecemento pola “profesionalidade, humanidade e bo facer dos traballadores que se confinaron para preservar e protexer a saúde dos nosos maiores renunciando á convivencia cos seus familiares en beneficio da comunidade. Buscarase a forma de poder compensarlles, aínda que a súa actuación está fóra de toda compensación económica. Estes traballadores son a mostra viva e o exemplo da grandeza do noso pobo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button