EconomíaEconomíaÚltima hora

Os tractores toman Xinzo para esixir “medidas urxentes para salvar o sector agrogandeiro”

 

Os tractores tomaban esta mañá as rúas de Xinzo de Limia. Máis de 200 destes vehículos, segundo o Concello, percorrían a vila, apoiados tamén pola veciñanza. Centos de veciños saíron á rúa para apoiar as reivindicacións dos produtores cos seus aplausos ao paso destes vehículos.

Esta protesta estaba convocada pola Asociación de produtores da pataca, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a Federación Rural Galega (FRUGA), Unións Agrarias (UUAA) e a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL) para demandar ao Goberno galego e estatal “medidas inmediatas que freen o impacto da suba de custos no sector produtor”.

O percorrido comezaba no Toural e pasaba polas rúas 2 de Maio, Avenida de Ourense, pista de Morgade, carretera de Baronzás, Curros Enríquez, San Sebastián, avenida de Madrid e 2 de Maio para volver ao inicio. O percorrido foi o preludio dunha manifestación na que os afectados volveron a alzar a voz como xa sucedeu o martes na Praza Carlos Casares.

O sector agrogandeiro atópase nunha situación límite por unha nova crise. A guerra de Ucraína está afectando dun xeito especial ao agro e, consciente deste feito, o Concello de Xinzo de Limia volveu a apoiar as demandas deste traballadores. Así o explicou a alcaldesa, Elvira Lama, que acompañou o paso dos tractores. “Están en xogo os postos de traballo de moitas familias da Limia e o futuro de moitas explotacións. Debemos estar todos apoiando o sector primario porque nos parece de xustiza que dunha vez por todas se resolvan gran parte dos problemas que están atravesando, que non son so os combustibles e a enerxía, que son outros moitos como a venda de produtos sen uns prezos homologados que podan defender a calidade dos produtos e a supervivencia das explotacións”

O concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz Penín, que ademais representa a Asociación de Produtores de Pataca da Limia, agradeceu a implicación de toda a cidadanía nesta protesta e anunciou que nos próximos días se porán en contacto con todas as Administracións para volver a facer oír as súas demandas. Pasado un tempo prudencial, se non son escoitadas, programaranse novas accións reivindicativas.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button