En portadaÚltima hora

Os trámites de contratación para a construción do novo Centro de Saúde da Rúa xa están en marcha

O Conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña reuníase co rexidor rues, Álvaro Fernández, e co persoal sanitario

 

Na mañá do venres 21 de xaneoiro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaba Valdeorras. Primeiro achegábase ata o HPV, no Barco, para ver as obras de reforma que se están levando a cabo nas áreas de cirurxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia; e despois desprazábase ata A Rúa para informar ao alcalde, Álvaro Fernández, e ao persoal do Centro de Saúde, dos avances nos trámites para a construción do novo ambulatorio desta localidade, un inmoble no que a Xunta prevé investir máis de dous millóns de euros. Na visita, estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial; e polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández Gil.

García Comesaña comunicou ao alcalde e ao persoal que, “dados os importantes avances na adquisición e urbanización da parcela efectuados polo Concello de A Rúa coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta ten iniciado xa os trámites de contratación da infraestrutura”. Así, a finais de decembro o Sergas formalizou unha encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas, habilitando a este organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a executar as actuacións para a redacción do proxecto e a execución das obras de construción do novo Centro de Saúde da Rúa.

 

O concelleiro de Sanidade reunido con parte do persoal sanitario do Centro de Saúde da Rúa.

 

Desde entón, e tal como explicou o conselleiro, a Axencia Galega de Infraestruturas avanzou na elaboración dos pregos administrativos de contratación do proxecto básico e de execución do Centro de Saúde, que se contratará conxuntamente co servizo de dirección da futura obra. “Unha vez estes pregos reciban os informes preceptivos da asesoría xurídica e da intervención, ao longo das vindeiras semanas poderemos sacar a licitación este contrato cun orzamento de máis de 160.000 euros, abrindo un prazo de presentación de ofertas para as empresas interesadas en realizar unha proposta arquitectónica global do edificio e da urbanización da súa parcela”.

O contrato esixirá que un equipo técnico formado, entre outras, por persoas especialistas en arquitectura, enxeñería industrial e estruturas realicen un deseño cun modelado en tres dimensións que permita diminuír o tempo e recursos e facer máis eficiente a xestión da construción. Este proxecto deberá axustarse ás características do centro proxectado, un inmoble de máis de 1.200 metros cadrados e cuxa obra deberá axustarse a un investimento de aproximadamente 2,15 millóns de euros.

 

Solar, xa urbanizado, no que se construirá o novo Centro de Saúde.

 

O Centro de saúde da Rúa é un dos contemplados na fase 0 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado en outubro de 2021 polo Consello da Xunta de Galicia, e que contempla 51 actuacións de construción ou reforma en centros de saúde de toda Galicia.

Este documento definía a actuación en A Rúa como “unha das máis prioritarias pola falta de espazo físico e presenza de barreiras arquitectónica no actual centro, e propoñía como alternativa un novo edificio cun plan funcional integrado por tres consultas de medicina, tres de enfermaría, unha de pediatría, unha de enfermaría pediátrica, unha de odontoloxía, consulta de urxencias, consulta do programa da muller, sala de educación sanitaria, despacho de traballo social e unha sala polivalente, entre outros espazos”. Iso significa para a poboación da Rúa non só duplicar a superficie do actual centro sanitario, senón incorporar espazos que non existen agora, como as mencionadas consultas de enfermaría pediátrica ou do programa da muller, así como a sala de educación sanitaria ou o despacho de traballo social.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button