En portadaÚltima hora

Os triveses Gutier e Javier Álvarez acompañarán a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre no concerto de Trives

A actuación, na que presentarán o novo traballo Noró, será o 17 de agosto ás 22 horas no Patio Santa Leonor
Xabier Díaz e os irmáns Gutier e Javier Álvarez./ Foto: Carlos G. Hervella.

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre xunto cos irmáns Álvarez (os triveses Gutier e Javier) recalarán o vindeiro 17 de agosto na Pobra de Trives para presentar o disco Noró, algunhas músicas do norte.

Tras diversas actuación por Galicia, España e por Europa, será a primeira actuación na provincia co novo traballo discográfico. Un concerto de música tradicional na que mostran unha declaración de amor ao norte, á súa música e á súa xente, cun gran traballo de recuperación de músicas tradicionais, podendo escoitar entre os ritmos recollidos o son do Folión de Manzaneda nun dos temas, Unha fala e un cantar. Noró nace tralo éxito acadado co anterior traballo, The Tambourine Man, un dos discos máis vendidos da música galega nos últimos anos, co que ademais recibiron diversos premios e fixeron xira por toda Europa.

Dende a Concellería de Cultura da Pobra de Trives, aseguran que “apostando polas nosas tradicións, e apoiando os proxectos musicais galegos, traemos en concerto a Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, acompañados pola música dos irmáns Álvarez, Gutier (zanfona e violín) e Javier (acordeón diatónico), veciños de Trives, facendo que esperemos a noite do concerto dun xeito moi especial”.

A cita será ás 22h. no Patio Santa Leonor e as entradas teñen un prezo de 10€ + gastos de xestión en venda anticipada; e de 15€ en taquilla no mesmo día do espectáculo. O aforo é limitado e están á venda na Oficina de Turismo da Pobra de Trives e no seguinte enlace: https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/patio-de-santa-leonor/8916–xabier-diaz-adufeiras-de-salitre.html

 

Cartel promocional do concerto.

Artigos relacionados

Back to top button