CulturaCulturaÚltima hora

Os últimos cabezudos que sairon nas festas de Quiroga exporanse no seu Museo Etnográfico

Cabezudos que se exporán nas festas de Quiroga./ Foto: Concello de Quiroga.

 

Con motivo das festas do Corpus Christi en Quiroga saían antano, á primeira hora das mañás, os xigantes e cabezudos acompañando as dianas e alboradas. As cabezas dalgúns dos últimos que sairon (seguramente dos anos 60 e 70 anos) vanse expoñer en breve no Museo Etnográfico de Quiroga, “unha vez que se lles de un pequeno retoque de conservación”, tal e como anuncian dende o Concello de Quiroga.

Son catro cabezas que estiveron durante anos gardadas no almacén do Concello en espera dunha posible restauración, pero finalmente decidiuse expoñelas ao público no museo tal e como se conservan.

Os desfiles de xigantes e cabezudos na festa do Corpus, a máis importante da vila quiroguesa ata os anos 70 (década na que se comezaron a celebrar as festas de verán)-, “eran un atractivo para toda a veciñanza e moitos rapaces da época foron portadores dos cabezudos. Tamén bailaron ao son da música nas alboradas da zona da praza Maior na festividade do San Martiño, patrón da vila”, contan dende o Concello.

A orixe da tradición dos xigantes e cabezudos en moitos pobos de España está ligada á Idade Media. Estas figuras acompañaban ás procesións do Corpus Christi bailando ao son da música popular e crese que os xigantes representaban o ben e os cabezudos o mal, tal e como se apunta dende o Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button