CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Os valdeorreses Jorge García e Alfonso Rodríguez reciben as medallas de ouro do GaliciaSkills 2021

Os galardóns do 6º Campionato Galego de Formación Profesional entregábanse nun acto celebrado esta mañá en Santiago

 

Na mañá deste venres 12 de novembro, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidía o acto de entrega das medallas de ouro e prata das Galiciaskills 2021, as olimpíadas da FP, cuxos gañadores sinalou como expoñentes “da calidade e modernización da Formación Profesional galega”. Felicitou, asemade, pola súa excelencia, a estes 50 alumnos entre os que están o rues Alfonso Rodríguez, medalla de ouro en Tecnoloxía da Moda; e o barquense Jorge García, medalla de ouro en Peiteado.

O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor o modelo de éxito destas ensinanzas en Galicia. “Non hai máis que repasar as cifras dos últimos anos para comprobar que a FP galega experimentou na última década unha verdadeira revolución silenciosa”, explicou, sinalando que os datos de matrícula actuais “duplican practicamente aos que tiñamos hai 10 anos, ata superar a barreira dos 60.000 estudantes”. Así mesmo, destacou a implantación de novas modalidades, como os másters de FP, “poñendo en marcha 13 cursos de especialización en áreas de futuro”, ou a FP Dual, “que é hoxe un dos principais valores da nosa oferta. De feito este ano acadamos a cifra récord de 160 ciclos, nos que se forman 2.000 alumnos”, dixo.

 

Jorge García, do Barco.

 

Román Rodríguez quixo facer tamén fincapé nas cifras de inserción laboral destas ensinanzas, que se sitúan no entorno do 90% e mesmo por riba no caso da FP Dual. “Agora máis ca nunca a nosa Formación Profesional é sinónimo de prestixio, competitividade, empregabilidade e adaptación ao entorno laboral”, salientou.

As olimpíadas galegas da FP celebráronse entre o 5 e o 8 de outubro, en 11 centros formativos que imparten estas ensinanzas ao longo de todo o territorio galego. En total disputáronse 23 competicións relacionadas coas especialidades (skills), nas que o máis de medio cento de participantes mediron as súas destrezas e demostraron as súas capacidades na realización das correspondentes probas. O alumnado gañador da medalla de ouro participará en Spainskills, que se celebrará en marzo de 2022.

 

Alfonso Rodríguez, da Rúa.

 

Un total de 22 expertos organizaron as cuestións técnicas e planificaron cada unha das competicións, nas que os participantes contan tamén co apoio dos seus docentes, aos que o conselleiro tamén trasladou os seus parabéns.

O representante da Xunta de Galicia estendeu tamén o seu agradecemento aos 11 centros educativos que acolleron as competicións e ás 70 empresas colaboradoras, polo seu compromiso coa Formación Profesional.

Artigos relacionados

Back to top button