ConcellosÚltima hora

Os veciños de núcleos de menos de 5.000 habitantes non terán franxa horaria para saír

Nun principio esta limitación establecíase por concellos, pero a Xunta confirma que a partir de hoxe modifícase e será por núcleos de poboación

Localidade de Casaio (Carballeda de Valdeorras)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende a pasada fin de semana permitíanse as saídas para dar paseos e facer deporte do conxunto da poboación, para as que o Goberno central estableceu a liberdade de horarios naqueles municipios de 5.000 habitantes ou de menos de 5.000 habitantes, pero non estaba claro se o límite era por núcleos de poboación, ou ben polo termo total do concello. En Asturias, por exemplo, a Delegación de Goberno admitíase desde o primeiro momento que a interpretación debía ser por núcleos de poboación, algo que non sucedeu en Galicia.

Agora a Delegación do Goberno vén de informar á Xunta indicando que se permite que a limitación por franxas horarias das saídas da poboación “se fixe en función do número de habitantes dos núcleos de poboación”, segundo confirma a administración autonómica.

Polo tanto, “a partir de hoxe será efectiva a modificación e poderán saír con liberdade horaria as persoas que residan en núcleos de menos de 5.000 habitantes, non só os que habitan en concellos de menos de 5.000 habitantes. Isto suporá que os galegos con liberdade horaria nas súas saídas pasarán de ser o 15% do poboación a aproximadamente o 50%”, din dende o goberno galego.

A Xunta xa comunicou esta decisión á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para que a traslade aos concellos.

 

Biobra, localidade do concello de Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“A Administración autonómica dirixiuse xa o sábado pasado á Delegación de Goberno para solicitar unha aclaración sobre este punto e pedir que se computase por núcleos de poboación e non por concellos, unha petición que foi respondida en sentido negativo. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén trasladou esta cuestión ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez; e onte mesmo, e tras acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), a Xunta elevou de novo esta cuestión ao Goberno central”, asegura a administración galega.

 

As Ermitas (O Bolo)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Xunta considera que esta é a interpretación que se debía dar desde o inicio á orde do Goberno central, por varias razóns. “Por unha banda, enténdese que a finalidade da orde é evitar aglomeracións, independentemente da entidade xurídica que administre o núcleo da poboación. Esta interpretación, ademais de ser coherente coa garantía da saúde pública, resulta tamén máis favorable ao principio de favor libertatis, en tanto é menos restritiva das liberdades individuais. E, por último, adáptase mellor á realidade social galega e á súa distribución territorial”, indica a Xunta de Galicia.

 

Chaguazoso (Vilariño de Conso)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Fegamp pide “maior antelación e coordinación á Xunta”

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) pediu á Xunta de Galicia “maior concreción respecto ao anuncio do levantamento das restricións horarias por franxas de idade para as saídas en núcleos de poboación separados de menos de 5.000 habitantes”.

Na reunión do CECOP do 5 de maio, indican dende a federación, informouse de que a Xunta solicitaría ao Ministerio de Sanidade que ampliase a exención das franxas horarias establecidas na Orde SND/380/2020, de 30 de abril en máis núcleos de distinta natureza que os estritamente sinalados en dita orde.

“A última hora da tarde de onte, a Fegamp recibiu traslado por parte da Consellería de Administracións Locais da interpretación da norma da Delegación do Goberno para a súa a posta en coñecemento das entidades locais. Dita interpretación da norma fai alusión ao “concepto de entidade colectiva de poboación, como agrupación de entidades singulares, definido polo Instituto Nacional de Estatística, como unidade ou entidade intermedia entre a entidade singular de poboación e o municipio” e cita varios exemplos como parroquias, irmandades ou concellos entre outras”, aseguran dende a federación.

Como membro do CECOP, a Fegamp deu traslado inmediato aos concellos. Porén, “dado que a falta de concreción respecto ao concepto ou demarcación deixa unha ampla marxe de interpretación, e dado que Galicia conta cunha gran variedade de parroquias e entidades locais, a Federación Galega de Municipios e Provincias solicitou á Xunta de Galicia indicacións precisas sobre os requisitos e características que deben cumprir ditos núcleos de poboación, especialmente canto a distancias ou separación se refire”.

Por outra banda, dende a Fegamp incídese en que os concellos “solicitan maior antelación, coordinación e precisión na comunicación das medidas cara a poder facer os preparativos e difusión oportuna á cidadanía”.

 

Córgomo (Vilamartín de Valdeorras)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A primeira hora desta tarde a Xunta informaba de que daba traslado á Fegamp do listado de parroquias rurais con poboación igual o inferior aos 5.000 habitantes, que pode consultarse aquí:

Listado parroquias

Artigos relacionados

Back to top button
Close