En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os veciños de San Vicente percorren O Barco pedindo solucións para a súa estrada

O alcalde de Vilamartín mantén o seu peche no Concello, mentres os veciños inician unha serie de accións revindicativas en Valdeorras

Continúan as mobilizacións para pedir que se arranxe á estrada que dá acceso ao pobo vilamartinés de San Vicente. Na xornada do 7 de marzo o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, iniciaba un peche indefinido no Concello demandando solucións á Deputación ante a problemática deste vial que se leva arrastrando dende hai xa 25 anos.

A isto súmase unha serie de mobilizacións que comezaban na mañá do 8 de marzo e continuarán nos vindeiros días. Os veciños de San Vicente percorrían o centro do Barco con pancartas, con paradas na praza do Concello e fronte ao hospital, berrando “Carretera solucións”. Este tipo de accións revindicativas levaranas a outros concellos da comarca nos vindeiros días.

O rexedor vilamartinés sinala que tanto o peche como as mobilizacións vanse manter ata que, “polo menos, non haxa un proxecto de urxencia. Cortar a estrada significa deixar ao pobo illado, se teñen que cortar a estrada que a corten pero asegurando uns servizos para o pobo”. Tamén sinala Enrique Álvarez que ata o momento a Deputación non se puxo en contacto con eles.

 

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, pechado no Concello.

Artigos relacionados

Back to top button