En portadaÚltima hora

Os veciños de San Vicente piden na Deputación unha “solución de urxencia” para a súa estrada

Concentrábanse nesta mañá no exterior do Pazo Provincial en Ourense para revindicar un acceso a esta localidade vilamartinesa

 

Uns 70 veciños de San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) concentrábanse arredor das 11:30h. da mañá deste xoves 16 de xaneiro no exterior do Pazo Provincial en Ourense para pedir unha solución para a estrada OU-807 que dá acceso a esta localidade, tendo en conta que “o pobo está illado incluso nos servizos básicos”.

Os veciños demandan “un paso provisional para acceder a San Vicente, mentres non se teña unha solución definitiva. Agora o paso alternativo que temos é un camiño polo que malamente sube un turismo, non pode pasar unha ambulancia, nin os bombeiros… E no pobo vive moita xente maior”.

Aos concentrados, organizados a través da Asociación de Veciños de San Vicente, uníanse tamén deputados socialistas provinciais, no Congreso e outros cargos deste partido, así como o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, quen lembraba que, “despois de 28 anos, seguimos estando na mesa situación coa localidade de San Vicente illada, é unha situación case terceiromundista a que vive este pobo. E dende o Concello estamos con eles para recordarlle á Deputación que ten unha obriga que, neste caso, é atender á súa estrada, así que espero que a partir de agora tome cartas no asunto”.

Álvarez Barreiro tamén indicaba que a administración provincial asegura que está “coas expropiacións e facendo o proxecto, pero nós necesitamos unha solución de urxencia porque o pobo agora mesmo está illado. Ademais hoxe os veciños entregaron na Deputación unha proposta alternativa, falamos dunha entrada de emerxencia, ninguén pode entender que un pobo estea illado durante 28 anos, así que esperamos que a teñan en conta”.

Nesta viaxe a Ourense representantes da Asociación de Veciños de San Vicente e o alcalde vilamartinés reuníanse tamén co subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, para expoñerlle a situación que están vivindo.

Dende a asociación de veciños adiántase que esta concentración “é un paso, logo xa iremos vendo que facemos porque se seguimos así temos que seguir mobilizándonos porque o problema continúa, teremos que seguir en loita, non podemos baixar a garda, xa levamos moitos anos”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close