En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Os veciños de San Vicente seguen mobilizándose e piden solucións para a súa estrada

Teñen previsto realizar novas concentracións na próxima semana en Petín, A Rúa e Vilamartín

 

Por segundo día consecutivo, os veciños da localidade vilamartinesa de San Vicente de Leira percorrían o centro do Barco para pedirlle á Deputación solucións ante o mal estado no que se atopa a súa estrada e tamén para facer visible na comarca de Valdeorras a súa problemática. Entre sons de silbatos, bombos e mesmo dalgunha choca, saían dende a praza do Concello do Barco pasadas ás sete e media da tarde do 9 de marzo e dirixíanse cara as proximidades do hospital comarcal, onde daban a volta para regresar polo Malecón.

Esta é a segunda concentración deste tipo que levan a cabo nesta semana, na que tamén o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, se pechaba de forma indefinida no Concello en demanda dun “proxecto de urxencia” para este vial.  Na vindeira semana teñen previsto continuar con novas concentracións en Petín, A Rúa, Vilamartín e O Barco. “Estes son os concellos que en principio se prestaron e, se nalgún momento se solidariza algún concello máis, por suposto estaríamos abertos”, sinala o alcalde vilamartinés.

Enrique Álvarez tamén sinala que a Deputación vén de poñerse en contacto co Concello para solicitarlle que poña a disposición do organismo provincial “os terreos necesarios da pista propiedade municipal que une a estrada 0807 dende a zona onde está a dirección prohibida e que baixa ata a estrada do Robledo, e que logo conecta con San Vicente outra vez. E fanno coa idea de actuar sobre ela coa intención de que reúna as características adecuadas para podela abrir ao tráfico e pechar a da Deputación. Eu contesteilles que se queren facer iso, teñen que empezar por mandar un proxecto explicando ben que tipo de actuación se vai facer sobre esa pista e, unha vez que teñamos o proxecto, xa nos plantexaremos se damos permiso ou non porque ha de cumprir como mínimo con todas as normas de seguridade, ter un informe de Tráfico… E, por outro lado, eu non vou dar permiso mentres os veciños/as me digan se están dispostos a aceptar iso ou non”, di o alcalde.

 

O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, pechado no Concello.

Ademais o rexedor vilamartinés incide en que “estamos dispostos a que se senten con nós, cos veciños, e nos digan que van facer de urxencia para volver abrir esa estrada, entón si. Se fan iso, estaríamos dispostos a que actuaran nesta outra estrada para poder subir por aí, mentres non, non aceptamos porque un proxecto como o do que nos están falando é difícil de crer que vaian empezalo pronto”.

Recoñece o rexedor que a situación que ten a Deputación enriba da mesa “é moi complicada, pero tamén é verdade que nunca fixeron caso do que lle pediron os veciños e nós dende a alcaldía. Non é xusto que agora queiran pecharnos a estrada e mandarnos o marrón ao Concello, de ningunha maneira. Non estamos dispostos a aceptar iso e eu estarei aquí metido ata que alguén poña orde neste sitio”.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://osil.info/deputacion-corta-estrada-san-vicente-de-leira/

Artigos relacionados

Back to top button