EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños de 22 adegas da D.O. Monterrei participarán en Prowein, en Alemaña

Imaxe: D.O. Monterrei.

 

A Denominación de Orixe Monterrei estará representada na feira vinícola Prowein, que se celebrará do 15 ao 17 de maio en Düsseldorf (Alemaña), polos viños de 22 das 27 adegas que conforman a denominación. Un total de 38 viños, 23 brancos e 15 tintos, permitirán mostrar aos asistentes a esta feira as especificidades deste territorio vitivinícola.

As adegas que estarán presentes en Prowein serán: Trasdovento, Pazo das Tapias, Abeledos, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Castro de Lobarzán, Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Viños Lara), José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Manuel Vázquez Losada, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Quinta do Buble, Terrae Monterrei, Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.

Trátase da terceira ocasión na que o C. R.D.Ou. Monterrei asistirá a este foro vitivinícola, que na súa última edición contou con máis de 6.900 expositores, 61.500 visitantes e 142 países expositores. A través da participación nesta mostra internacional búscase dar a coñecer ao mercado internacional o produto que se elabora nesta denominación, xa que se trata da maior reunión da industria para profesionais da importación-exportación, distribución, comercio retallista-almacenista, comercio e gastronomía.

“Durante este ano tamén queremos intensificar a nosa promoción exterior, co obxecto de impulsar a exportación dos viños de Monterrei”, indica a presidenta do C. R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez, “e a asistencia a esta feira axuda a promover un maior coñecemento dos nosos viños ante o sector profesional e mostrarlles, de primeira man, as nosas características edafoclimáticas, variedades e, como non, a tipoloxía dos nosos brancos e tintos”.

Artigos relacionados

Back to top button