EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Os viños de ata 16 adegas poden desfrutarse na XI Feira da D.O. Monterrei

O certame inaugurábase na tarde do 12 de agosto na Alameda de Verín co pregón, a cargo do xornalista Rafael Cid

Cunha referencia directa á vaga de lumes que sacuden Galicia comezaba o acto oficial de apertura da XI Feira do Viño de Monterrei, na tarde do 12 de agosto na Alameda de Verín. Facíaa a presidenta desta denominación de orixe, Asunción Rodríguez, de maneira rotunda ao pedir “tolerancia cero contra os incendios”. De seguido, centrábase na mostra do viño resaltando que se trata de todo un “acontecemento para a comarca de Verín”, poñendo ademais en valor o papel dos viticultores e dos adegueiros.

A presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei tamén expoñía unha serie de datos que amosan o bo momento que vive esta zona vitícola ourensá, cun aumento na súa produción na última colleita, recoñecementos nas catas profesionais ou as cifras de exportación, que representan xa o 19% do total das súas vendas. “Monterrei vai deixando de ser a cinsenta das denominacións de orixe de Galicia” e hoxe “é quen de encarar os desafíos e retos de futuro en practicamente idénticas condicións a outras comarcas vinícolas galegas”, engadía.

A continuación pasáballe á palabra ao delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, a quen presentaba como un veciño de Vilaza. Villanueva confesábase “embaixador desta terra e dos seus viños, que coñezo moi de preto” e subliñaba o “compromiso co produto e co consumidor” deste sector. “Monterrei”, aseguraba, “hoxe é sinónimo de viños de calidade”.

Na apertura da mostra tamén interviña o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, sinalando que nesta fin de semana Verín “será o centro do bo gusto enolóxico de toda Galicia”. Recoñecía o esforzo e traballo de produtores e adegueiros e tamén da D.O. Monterrei. Ao mesmo tempo, facía un repaso polas potencialidades e recursos da comarca de Verín, da que resaltaba que “é a orixe de moitos dos mellores produtos de Galicia; é o berce dos mellores viños da Comunidade (nas catas oficiais deste ano, por exemplo) das augas máis consumidas en España nos séculos XX e XXI -en referencia a Fontenova e Cabreiroá- e tamén é a orixe “da penetración viaria na Galicia interior, dende a época da Vïa XIV ata as autovías”.

E aproveitaba o acto para pedir a “implicación e colaboración” do goberno da Xunta para acadar o desbloqueo e promover o desenvolvemento do Polígono Industrial de Tamagos, aprobado polo Executivo autonómico en abril de 2011, mediante un convenio co IGVS e o Concello de Verín. Seoane expresaba esta petición na parte final do seu discurso inaugural, momento no que non pudo estar presente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen chegaba máis tarde para participar na imposición de medallas aos novos cofrades da D.O. Monterrei.

O turno de palabra completábase co pregoeiro da feira, Rafael Cid, quen compartía as súas vivencias dende a infancia en relación co viño e cos traballos que rodean a esta bebida. “A axenda familiar adaptábase ao ciclo do viño”, comentaba. E recordaba con agarimo as súas lembranzas dunhas uvas brancas moi especiais e escasas dunha das viñas da familia, “eran de godello”, concretaba.

Tras o pregón, numerosas persoas percorrían os stands das 16 adegas participantes nesta edición, distribuídos en dúas zonas. Así podían degustarse viños de Abeledos, Boo Rivero, Crego e Monaguillo, Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Pazo de Valdeconde, Quinta do Buble, Tabú, Terras do Cigarrón, Tras do Vento, Triay, Valderello e Via Arxéntea. Asemade a Asociación de Empresarios de Hostelería da Comarca de Monterrei ofrecía diversos e deliciosos pinchos como perfecto acompañante dos bos viños.

Ao redor das nove e media, as autoridades desprazábanse ata a Igrexa da Mercé, onde se procedía á imposición de medallas aos novos cofrades da D.O. Monterrei: Emanuel Casais, director de Vinetur; Castor Bermúdez, ex técnico da oficina de extensión agraria de Verín; a viticultura Emilia Fernández a título póstumo (sendo a súa irmá quen recollía a medalla) e o adegueiro Manuel Blanco (tamén a título póstumo). A mostra continuará con gastronomía, música e bo viño ao longo dos días 13 e 14 de agosto na Alameda de Verín.

Fotos: Carlos G. Hervella agás a última da galería que foi cedida pola organización.

Artigos relacionados

Back to top button