OurenseÚltima hora

Os viños de Loeda e a maxia de Deimi abren a quinta edición de “Cata a Arte”

O ciclo continuará o 22 de novembro coa presentación dos viños de Adegas Celme, arroupados polo relato teatral de Viño [e familia] da man da Compañía #2 do Teatro Permanente

 

Un dos momentos desta primeira cita de “Cata a Arte”./ Foto cedida polo CRDO Ribeiro.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollía na tarde do 8 de novembro a primeira das propostsa do ciclo “Cata a Arte”, que promove a Denominación de Orixe Ribeiro. Esta cita viña da man de Bodegas Loeda, que presentaba e ofrecía unha degustación dos seus viños brancos Catro Parroquias, un monovarietal de Treixadura, e Viña Leda, elaborado con Treixadura e Torrontés. Viños maridados nesta ocasión co ilusionismo e co bo humor do Mago Deimi, así como con bocados gastronómicos preparados para a ocasión. Máis de 100 participantes desfrutaban desta sesión.

O mago Deimi despregaba un espectáculo de maxia moi variada, con gran dinamismo e estilo cómico e desenfadado. Realizou moitos xogos de diversas disciplinas da maxia: cartomaxia, escapismo, mentalismo, levitacións, aparicións, maxia con lume, desaparicións…

Nesta quinta edición de “Cata a Arte” continúase coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a ONG AFFOU, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense, que ten como misión atender as necesidades e todo o que soliciten os máis de 95 socios enfermos en Ourense, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do propio enfermo e a súa familia. Todas as persoas que apoian esta iniciativa entran nun sorteo de lotes de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro, segundo se informa dende o seu Consello Regulador.

Viño e arte

O ciclo celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense os xoves, dende o 8 ata o 29 de novembro, con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O vindeiro 15 de novembro será o momento da realización da cata de Nairoa, que presentará os seus viños Alberte Doble Lías e Alberte ao son da música do ourensán Diego Nóvoa.

O 22 de novembro terá lugar a cata de Adegas Celme que presentarán os viños Celme de Pena Bicada (branco) e Celme do Souto (tinto), arroupados polo relato teatral de Viño [e familia] da man da Compañía #2 do Teatro Permanente. E para rematar esta quinta edición, o broche final poñerao o 29 de novembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís en harmonía coa pura esencia do rock espontáneo, en versión ligth, de L’Appetite Mort.

Artigos relacionados

Back to top button