EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños de Monterrei achéganse a Valencia e Madrid

Estas dúas cidades acollerán diversos actos promocionais que serán dirixidos polo sumiller Luis Paadín
Imaxe da cata organizada pola D.O. Monterrei en Ribadeo hai uns días./ Foto cedida.
Imaxe da cata organizada pola D.O. Monterrei en Ribadeo hai uns días./ Foto cedida.

Continúan as accións promocionais da Denominación de Orixe Monterrei no territorio español. Tras a cata realizada en Ribadeo hai uns días, agora viáxase ata Valencia e Madrid para dar a coñecer os viños desta zona vitivinícola ourensá. Así en Valencia, na tarde do luns 5 de setembro a partires das 17h. no Hotel Eurostar, terá lugar un Túnel do Viño, destinado a público especializado, en concreto, a profesionais da hostalaría, distribución e medios de comunicación. Nel poderán catarse unhas 40 referencias de 20 adegas desta denominación de orixe.

A actividade será dirixida polo sumiller Luis Paadín, director da “Guía dos Viños, Destilados e Adegas de Galicia”. Esta acción, promovida polo CRDO Monterrei, farase en colaboración coa Asociación de Sumilleres de Valencia e coa Federación de Asociacións de Sumilleres da Comunidade Valenciana.

Ademais, para o vindeiro 8 de setembro está proxectado un novo Túnel do Viño na Casa de Galicia en Madrid, en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,30 a 21,30 horas. Como no caso de Valencia, vai dirixido a profesionais e nel tamén participarán 20 adegas de Monterrei. A acción completarase cunha presentación oficial dos viños desta denominación de orixe a cargo de Luis Paadín, quen explicará as características e pecularidades desta zona produtiva, destacando de xeito especial as súas castes de uva e os seus tipos de viño. Tamén se amosarán cepas vivas de godello e mencía, as dúas variedades principais de Monterrei, e exporanse paneis gráficos sobre a historia, clima, pluviometría e solos de Monterrei.

Tanto en Madrid como en Valencia engadirase ao túnel do viño unha mesa do sumiller, na que Alejandro Paadín (sumiller do restaurante Alborada de A Coruña) dará a probar os viños da D.O. Monterrei de añadas anteriores e xa esgotadas no mercado, en concreto do período entre 2007 e 2012. Estas accións realizaranse “en dous territorios de enorme atractivo para a expansión dos viños da comarca”, segundo destaca a presidenta da D.O. Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños.

Artigos relacionados

Back to top button