EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Os viños de Valdeorras e de Monterrei, na Barcelona Wine Week

 

A Xunta promocionará e potenciará os produtos agroalimentarios galegos de calidade en dúas citas que se inauguran hoxe en Barcelona. Así, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participaba este mediodía no arranque da feira Alimentaria, que se desenvolverá deica este xoves 7 de abril, e pola tarde fará o propio na Barcelona Wine Week, que se clausurará o mércores. Nesta segunda mostra participarán denominacións de orixe de viños galegas como é o caso de Valdeorras e Monterrei.

Na Barcelona Wine Week daranse cita máis de 600 expositores. Haberá compradores nacionais e internacionais e porase a disposición das marcas presentes e dos visitantes ferramentas estratéxicas para fomentar os contactos e as oportunidades de negocio.

No caso de Alimentaria, 24 entidades de sectores como o lácteo ou o cárnico compartirán espazo expositivo coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria -dependente da Consellería do Medio Rural-, ao tempo que se organizarán clases maxistrais e degustacións coa colaboración dos consellos reguladores das distintas denominacións de orixe protexidas (DOP) e indicacións xeográficas protexidas (IXP), así como de coñecidos cociñeiros da comunidade.

Canto ao apartado dedicado ás experiencias de calidade galegas de Alimentaria, ofrecerá degustacións dos nosos queixos con denominación de orixe protexida (Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón da Costa), combinados con pezas distinguidas coa IXP Pan Galego ou coa de Pan de Cea. Tamén se poderá probar produto amparado polas indicacións xeográficas protexidas Pataca de Galicia, Lacón Gallego, Castaña de Galicia, Tarta de Santiago e Mel de Galicia, e produtos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, grazas ao bo facer de distintos chefs.

Respecto das clases maxistrais, estarán presentadas polo Consello Regulador das IXP Carne de Vacún de Galicia que, da man de cociñeiros galegos, se encargará de mostrar as posibilidades culinarias que ofrece a IXP Ternera Gallega ou a de Vaca Gallega/Buey Gallego cos Grelos de Galicia, a Faba de Lourenzá ou as Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, tamén con indicación xeográfica protexida. En ambos casos -tanto nas catas como nas clases- contarase ademais coa maridaxe a cargo das denominacións de orixe dos viños Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.

No que se refire á Barcelona Wine Week, a Consellería do Medio Rural promocionará precisamente os viños das cinco denominacións de orixe galegas, así como as indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais, isto é, as de Licor Café, Licor de Herbas, Augardente e Augardente de Herbas. Neste caso, compartirán espazo expositivo coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria un total de 15 empresas vitivinícolas, mentres no posto institucional se darán a coñecer as marcas premiadas nas Catas de Galicia de 2021.

Sobre as accións complementarias no marco deste evento que se inaugura esta tarde, está previsto un amplo programa de conferencias, catas, mesas redondas e sesións informativas. Tamén haberá oferta gastronómica, con diversas propostas de maridaxe.

Barcelona Alimentaria é un evento internacional de referencia para os profesionais das industrias da alimentación e das bebidas, así como da restauración e da hostalaría, onde se pon de relevo a innovación e as últimas tendencias destes sectores. Nesta edición, que supón a reactivación do evento bienal tras a súa suspensión en 2020 por mor da pandemia da covid-19, haberá máis de 2.600 expositores e 65.000 m² de exposición.

Artigos relacionados

Back to top button